OurenseÚltima hora

A delegada da Xunta, no acto do Día da Muller en Porqueira

Un dos momentos do acto celebrado en Porqueira para conmemorar o Día da Muller.

Ata o municipio de Porqueira se desprazaba na mañá do 8 de marzo a delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz, para asistir a un acto organizado polo concello de Porqueira no marco do Día Internacional da Muller. Nel participaban unha trintena de veciños representantes de distintos colectivos profesionais e sociais así como de membros da corporación municipal coa súa alcaldesa, Susana Vázquez, á fronte.

Marisol Díaz Mouteira pechou o acto lendo a declaración institucional da Xunta con motivo desta efeméride. Reafirmou o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e subliñou que “a vida económica, e en particular o mundo laboral, é un dos ámbitos fundamentais da promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

A delegada territorial apuntou que na nosa sociedade, “a desigual repartición entre os xéneros das responsabilidades familiares e do fogar constitúe un dos principais obstáculos para a participación plena das mulleres no mercado laboral, así como á súa permanencia e promoción dentro do mesmo”. Así, a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar constitúen uns dos grandes retos do século XXI.

Participantes no acto, no exterior do Concello de Porqueira.

No acto a alcaldesa, dende a súa perspectiva de muller e política con responsabilidades de goberno municipal, expuso o seu compromiso para loitar contra as desigualdades mentres que as e os participantes intercambiaron as súas experiencias.

Artigos relacionados

Back to top button