En portada

Delimítase o territorio da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

O mapa proposto inclúe un total de trece concellos, dos cales cinco son ourensáns
Detalle do campanario dunha das igrexas da Ribeira Sacra./ Foto: Carlos G. Hervella.
Detalle do campanario dunha das igrexas da Ribeira Sacra./ Foto: Carlos G. Hervella.

A delimitación territorial da candidatura de Patrimonio da Humanidade presentada polo Valedor do Pobo era un dos asuntos abordados na sesión plenaria que o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra celebraba o 1 de outubro en Nogueira de Ramuín. “Esta proposta forma parte dun estudo coordinado dende o Valedor do Pobo, realizado por unha equipa de traballo das universidades galegas e financiado polas Deputacións Provinciais de Lugo e Ourense”, segundo se informa dende esta entidade, que preside Luis Fernández, alcalde de Sober.

Esta proposta inclúe trece concellos, dos que oito son da provincia de Lugo. Trátase de O Saviñao, Monforte de Lemos, Pantón, Sober, Chantada, A Pobra do Brollón, Carballedo e Ribas de Sil. Os cinco restantes son ourensáns: Castro Caldelas, A Teixeira, Nogueira de Ramuín, A Peroxa e Parada de Sil.

“Queremos recalcar que tan só é un borrador e que en ningún caso é algo invariable. Haberá unha proposta final que se dará a coñecer cando os traballos estean máis avanzados; levarán consigo un período de alegacións que a día de hoxe non existe por non ser unha proposta oficial”, tal e como se indica dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Esta proposta de mapa xa se lle envíou aos 21 concellos, ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e á Asociación Ribeira Sacra Rural, todos membros do Consorcio. “O formato no que se lles fixo chegar coa convocatoria de pleno foi un DVD pola resolución e formato do propio plano que non posibilita enviarse por correo electrónico”, matízase dende esta entidade.

Sinatura do convenio de colaboración entre o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e Turismo de Galicia.
Sinatura do convenio de colaboración entre o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e Turismo de Galicia.

Outro dos asuntos incluídos na orde do día do pleno foi a aprobación das bases reguladoras para a creación dos Premios Honoríficos Ribeira Sacra con motivo do décimo aniversario desta entidade. Asemade, dábase o visto bo a proposta de concesión destes galardóns na súa primeira edición (2015) á Xunta de Galicia e á Paradores de España, S.A.

Por outra banda, ese mesmo día, 1 de outubro, tiña lugar en Nogueira da Ramuín a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. No marco deste convenio desenvolvéronse diferentes actividades entre as que están os 21 murais exteriores, o viñobús, os ciclos de concertos, as rutas de románico ou o programa de outono “A caída da folla na Ribeira Sacra”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close