PolíticaÚltima hora

Democracia Ourensana e PSOE aproban no pleno a solicitude de dimisión de Jesús Vázquez

A moción foi aprobada con 11 votos a favor por parte de ambos os dous grupos, os nove en contra do Partido Popular e a ausencia de Ourense en Común
Pleno Extraordinario de hoxe presidido por Jesús Vázquez. // Foto: Carlos Asensio.

O Pleno de Ourense aprobou hoxe, 12 de abril, nunha sesión extraordinaria cos votos a favor de Democracia Ourensana e o Partido Socialista (11), os nove en contra dos Populares e a ausencia de Democracia Ourensana; o único punto da orde do día: “A dimisión inmediata do alcalde, Jesús Vázquez, por presentar unha continua actitude de procrastinación”. Unha moción levada adiante polo grupo liderado por Gonzalo Pérez Jácome, Democracia Ourensana.

A tensión dialéctica estivo presente en todo momento no salón nobre do Concello de Ourense. O voceiro do Partido Socialista, José Ángel Vázquez Barquero, sinalou na súa intervención que para poder prepararse este pleno, “ao igual que outros moitos”, dixo, tivo que buscar a palabra procrastinar. Segundo o dicionario da Real Academia Galega, devandito termo significa “deixar para outro día ou momento posterior ao previsto”.

Tras esta aclaración e xa en materia plenaria, hai que falar do relatorio que presentou Pérez Jácome na súa intervención para solicitar a dimisión de Vázquez Abad. En concreto foron un total de 27 “feitos probados da incapacidade de xestión deste goberno”, apuntou o edil de Democracia Ourensana. Entre eses feitos están: A falta de orzamentos municipais, ausencia de PXOM, o arranxo dos contedores soterrados, o Centro de Saúde do Couto, “vai facer un ano xa e aínda non está aberto”, apuntou Jácome; A supresión dos bolardos “que seguen a romper vehículos e a mandar a xente ao hospital”, e un longo etcétera. A todo isto, Pérez Jácome engadiu “as concesións expiradas” como son o servizo de limpeza de dependencias municipais, transporte urbano, servizo de aluguer de bicicletas, o camping de Untes, a cafetería do complexo termal de Outariz, a regulación do sistema de semáforos e os servizos de mantemento de zonas verdes e dos colexios públicos.

Tras a súa perorata, Gonzalo Pérez Jácome dirixiuse ao alcalde, Jesús Vázquez, que presidía o pleno, e díxolle o seguinte: “cando alguén supsende unha asignatura ou dúas, pode dicir que o profesor lle ten manía pero, que escusa tes para estes 27 puntos?”.

Pola súa banda, o representante do grupo socialista, José Ángel Vázquez Barquero, criticou a Democracia Ourensana “por convocar plenos en cadea e logo criticar a xestión do Concello”. Pero, a pesar de todo, o voceiro do grupo socialista deulle a razón ao líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, no seu argumentario para solicitar a dimisión de Vázquez Abad: “existen motivos máis que probados para pedir a dimisión do alcalde”. Segundo apuntou Barquero, dende o minuto no que os populares tocaron o bastón de mando no Concello en xuño de 2015 “foi máis que evidente que non teñen un proxecto de cidade”. O edil socialista acusou ao goberno municipal de “claudicar” ante os as institucións superiores que goberna o seu mesmo partido. “Non se salva absolutamente ningunha das súas áreas de xestión”, dixo o socialista referíndose ás concellerías.

A tensión comezou en aumento cando foi a quenda do grupo Popular. O voceiro, José Araújo, contou unha historia sobre un barco no que navegaban Democracia Ourensana e o Partido Socialista, pero que estaba arrodeado de area e encaiado no deserto. Un conto que non lle gustou a ningún dos grupos da oposición; “Dedícanse a escribir contos da noite”, aseverou Pérez Jácome. E Vázquez Barquero seguiu dicindo o seguinte: “no canto de defender a súa xestión, vostede (a Araújo), vén aquí para contar a parodia do barco do deserto, os que estamos aquí, e nos preparamos o pleno, merecemos un respecto”, dixo o edil.

Tras estas dúas queixas, José Araújo pediu desculpas “por se ofendín a alguén, non era a miña intención”, e procedeuse á votación. Pero, a pesar de saíres adiante, non terá ningún efecto sobre o executivo local.

Un xogo sucio

O Alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, valorou este pleno extraordinario, na posterior rolda de prensa da Xunta de Goberno Local, como “un xogo moi sucio”. O rexedor asegurou que precisan aos partidos políticos para poder sacar adiante todos eses puntos que presentou Pérez Jácome. “O que están a facer é un bloqueo total da xestión”, aseverou o Alcalde. Ao mesmo tempo, Jesús Vázquez reiterou que facer un relatorio de todos os logros conseguidos nestes “escasos”, dixo, dous meses de goberno municipal sería “excusatio non petita, accusatio manifesta”, citou. Vázquez rematou a súa valoración dicindo que lles gustaría que os grupos da oposición tivesen unha actitude máis positiva. “Gustaríanos falar en temas máis de cidade e non de partidos”.

Texto: Carlos Asensio.

Máis información sobre a ausencia de Ourense en Común aquí .

Artigos relacionados

Back to top button