OurenseÚltima hora

Dende as restricións de mobilidade en Ourense e Barbadás houbo 192 propostas de sanción

Tamén se rexistraban 152 notificacións sobre infraccións da normativa sanitaria, unidas á detención dunha persoa, segundo a Subdelegación do Goberno

Reunión do Centro de Coordinación (CECOR) nesta mañá.

 

O Centro de Coordinación (CECOR), creado o pasado 7 de outubro, mantiña esta mañá na Subdelegación do Goberno en Ourense unha nova xuntanza na que se facía un balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade dende a entrada en vigor das medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ante a evolución da COVID-19 nos municipios de Ourense e Barbadás.

No encontro informouse de que dende o inicio das medidas restritivas da mobilidade en ambos concellos, que entraron en vigor ás 00 horas do xoves 8 de outubro, leváronse a cabo 224 dispositivos de control nos que se identificou a máis de 11.500 persoas. A pesar do respecto maioritario, 115 vehículos foron retornados polas forzas e corpos de seguridade por non acreditar suficientemente os motivos da viaxe. Así mesmo, o subdelegado do Goberno, Emilio González falaba de 192 propostas de sanción e de 152 notificacións sobre infraccións da normativa sanitaria, unidas á detención dunha persoa.

Ademais, na xuntanza tamén se acordou o mantemento dos operativos de control conxuntos dos corpos de Policía Nacional, Garda Civil e policías locais de Ourense e Barbadás para restrinxir a mobilidade en ambos concellos, xunto co reforzo dos dispositivos nas vías secundarias.

O subdelegado do Goberno quixo manifestar o seu agradecemento pola colaboración da gran maioría da cidadanía de ambos concellos, incidindo en que se observa un elevado grao de cumprimento das medidas establecidas pola Xunta de Galicia.

Así mesmo, Emilio González apelou unha vez máis á responsabilidade individual no cumprimento da normativa en vigor para conseguir reducir a transmisión do virus. Lembrou que “aínda queda moita loita contra a COVID-19 e non se debe baixar a garda para evitar dar pasos atrás”.

Na reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado Morales; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; a xefa da Policía Local de Ourense, María Barrera Aldemira; e o representante da Policía Local de Barbadás, Pedro Freire Guede.

 

Artigos relacionados

Back to top button