DeportesÚltima hora

Dende “tirolinas” xigantes e bike park ata un circuíto slackline, na Estación de Manzaneda

A partir do 12 de xuño este complexo de montaña abrirá entre as 10h. e as 18h. cun abano de 17 actividades diferentes

 

“A montaña ten que ser un destino turístico”. Así o destacaba na presentación da nova oferta de actividades da Estación de Manzaneda Albert Montaner, responsable de Artabria Turismo, empresa que xestiona este complexo que reabrirá por completo a partir do 12 de xuño.

Apóstase por romper a estacionalidade da estación despregando un novidoso abano de ata 17 actividades diferentes, entre as que figura un Bike Park, que abría xa o 29 de maio, de case 11 km de trazados en cinco pistas: Medras, Carqueixa, Avalancha, Cabra Calavera e Rochas. “As novidades inclúen novos trazados e percorridos, 2 km máis de pistas, mellora da zona de saída e chegada aos circuítos e nova sinalización, ademais de portabicis no remonte”, destacan dende a estación.

Ademais hai unha tirolina xigante de 250 m de descenso a 45 km por hora e a unha altura de dez metros do chan, cun descenso vertical á chegada; un parque multiaventura (cun circuíto orientado a nenos con 16 retos con 3 tirolinas, pontes e un sen fin de obstáculos), un telesilla turístico, xogos tradicionais, tiro con arco, circuíto slackline (equilibrio entre dúas cintas elásticas de tan só 5 cm que se suspenden entre as árbore, con dous niveis de dificultade), iniciación á orientación, sendeirismo, marcha nórdica, pavillón, rutas a cabalo, piscina cuberta, circuíto termal/spa (integrado por unha minipiscina a 32º-34º, minipiscina de hidromasaxe a 36º, sauna seca e cabinas de masaxe para a aplicación de diversas técnicas termais, corporais e faciais), paintball, chiqui park (bike park junior) e circuíto de iniciación ao ciclo cross.

O horario da estación será de 10h. a 18h. e as entradas poden adquirirse anticipadamente a través da páxina web manzaneda.com ou nas billeteiras da estación, en horario de 9:30h. a 16:30h.

“Os prezos oscilan en función do tipo de actividades elixidas e se inclúen comida ou non. Todas as entradas teñen tarifa reducida para familias numerosas, nenos, maiores de 65 anos e persoas con discapacidade. Os nenos menores de 3 anos teñen entrada gratis. Os tipos de entrada e os prezos poden consultarse na web da estación”, informan dende a Estación de Montaña Manzaneda.

Máis información:

A Estación de Montaña de Manzaneda abrirá por completo o 12 de xuño con 17 actividades diferentes

Artigos relacionados

Back to top button