DeportesÚltima hora

Deporte e inclusión social da man de Tres Lunas Valdeorras e Asfaval

O club deportivo e a Asociación de Familiares de Persoas con Discapacidade Intelectual asinan un convenio de colaboración

Garantizar o dereito ao deporte, neste caso á práctica do ciclismo, das persoas con discapacidade intelectual no Barco de Valdeorras a través da súa escola, é o obxectivo co que nace “Ciclismo Inclusivo”, un programa de integración social e deportiva destinado a xoves con discapacidade física e/ou psíquica.

Para poñelo en marcha, este xoves 31 de xaneiro Asfaval e o Club Deportivo Tres Luna Valdeorras asinaban un convenio de colaboración. Un acto ao que asistían o presidente e o secretario do club deportivo, David Álvarez e Pablo Diéguez, e membros da directiva de Asfaval que lles amosaron as instalacións na Urbanización Las Huertas do Barco, así como a aula de obradoiros e os servizos que presta a entidade a todos os usuarios.

A colaboración non queda aí xa que ademais, o club aportará 2 euros de cada inscrición da súa carreira Tres Lunas Race que se celebrará os días 29, 30 e 31 de marzo, poñendo así o seu gran de area para que a asociación consiga os cartos que necesitan para mercar catro bicicletas. Unha iniciativa que a presidenta da entidade Amelia Blanco, agradeceu persoalmente facendo fincapé en “futuras colaboracións para distintos proxectos relacionados coa inclusión social e deportiva”.

Artigos relacionados

Back to top button