Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A Deputación abre as súas portas á cidadanía

Os visitantes gozaron dunha visita guiada polo Pazo Provincial da man do presidente provincial, Manuel Baltar, e do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández

A Deputación celebrou hoxe,25 de novembro, a súa tradicional xornada de “portas abertas” no Pazo Provincial, unha actividade coa que dá comezo á “V Semana Escolar da Deputación e a súa Provincia”, que ten como obxectivo “seguir achegando un maior coñecemento da nosa provincia ao ámbito educativo e da institución provincial á cidadanía, poñendo en valor a identidade e os aspectos máis relevante do territorio ourensán”, afirmou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen hoxe participou na primeira visita da xornada de portas abertas.

No despacho do presidente, Baltar explicou aspectos funcionais, arquitectónicos, artísticos e culturais, así como a evolución do Pazo Provincial, o edificio histórico que alberga a Deputación, e posteriormente o vicepresidente da institución, Rosendo Fernández, acompañou aos visitantes á Sala de Xuntas, Salón de Plenos e aos espazos expositivos onde se exhibe a galería literaria “Voces da Ourensanía” e a de expresidentes da institución provincial. “Trátase dunha xornada para que os ourensáns visiten esta institución, que é a súa, favorecendo así ese carácter de proximidade que sempre debe presidir a relación dos gobernantes coa cidadanía”, destacou o presidente Baltar.

Nas visitas guiadas ao Pazo Provincial os visitantes recibiron un tríptico referido ao día de “portas abertas” con información dos edificios máis emblemáticos da Deputación de Ourense: o Pazo Provincial, o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, o Pazo dos Deportes “Paco Paz”, o Teatro Principal, o edificio do Inorde, o Mosteiro de Rocas e o Pazo de Vilamarín, e no que se citan tamén outras instalacións de que dispón á Deputación, dedicadas á cultura como son os museos de Cornamusas, o “Moncho Borrajo”, o do Traxe Tradicional, e o “Estanislao Reverter”; as escolas de Gaitas e de Artes e Oficios; o Obradoiro de instrumentos populares; o Centro de Cultura “Xaquín Lorenzo”, e os centro de desenvolvemento Agrogandeiro e Agroforestal.

Ademais, os visitantes recibiron a publicación que este ano edita a Semana Escolar, dedicada ao Entroido na provincia de Ourense, un libro titulado “De Entroido pola ourensanía”, escrito por Alberto Ramos e ilustrado por Ana Costas, que recupera a personaxe de Auria, a cal fai un percorrido por medio da literatura para achegar a realidade do entroido. Deste modo, a protagonista mergúllase nas posibles orixes da festa e viaxa a diferentes puntos da provincia facendo un percorrido representativo desta celebración. Ademais do manual editouse unha guía do profesorado e un programa de actividades con propostas de traballo.

A “5ª Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación”, que hoxe se inicia coa xornada de “portas abertas” e que remata o vindeiro 1 de decembro, achegará este ano os distintos aspectos do entroido como patrimonio inmaterial aos 8.751 alumnos e profesores de 66 centros educativos da provincia que participan nesta iniciativa promovida e organizada pola Deputación de Ourense. Participan alumnos desde 6º de Primaria a 4º da ESO e tamén de Ciclos e Bacharelato.

Artigos relacionados

Back to top button