OurenseÚltima hora

A Deputación abre o seu patrimonio ao mundo a través dos tours de Google

As estancias do Pazo Provincial, do Centro Cultural Marcos Valcárcel, do Teatro Principal e do Pazo Vilamarín xa se poden visitar dende o buscador grazas ao labor do fotógrafo ourensán Fernando Sacó
Sacó e Baltar, esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, un dos edificios que xa se poden visitar dende Google.
Sacó e Baltar, esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

“Queremos dar cercanía e accesibilidade ao patrimonio cultural”. Esa é a idea que busca a Deputación de Ourense coa inclusión dalgúns dos seus edificios nos tours de Google, unha iniciativa que xa é realidade dende hoxe e que foi presentada polo titular do ente provincial, Manuel Baltar. Deste xeito, o Pazo Provincial, o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Teatro Principal e o Pazo Vilamarín xa poden ser visitados a través do buscador virtual, onde o usuario descobre todas as estancias dos inmobles coma se estivese in situ. No acto, Baltar estivo acompañado polo ourensán Fernando Sacó, fotógrafo da multinacional norteamericana encargado de levar a cabo o traballo técnico.

Imaxe dunha das estancias que xa se poden ver dende Google.
Imaxe de Google dunha das estancias do Pazo Provincial, un dos edificios que xa se poden ver a través dos tours virtuais.

Segundo indicou o presidente provincial, a iniciativa enmárcase dentro do Plan Ourense 15-19 e fai que calquera cidadán poida coñecer “as nosas dependencias”. Felicitou a Sacó polo traballo realizado, que consistiu na creación dunha serie de fotografías de 360º que, unha vez unidas, simulan estar dentro do edificio. Calificou esta estratexia de “innovadora” e baralla estendela a outras infraestruturas coma o Pazo dos Deportes ou o entorno da Insua dos Poetas. Con esta ferramenta, o ente abre o seu patrimonio ao mundo enteiro, dándoo a coñecer tanto a cidadáns de a pé como a persoas interesadas en expoñer nalgunha das súas salas.

A Deputación adicou a isto unha partida de 4.100 euros e, segundo se avanzou, xa se está a traballar noutras actividades similares como as recreacións virtuais en 3D.

Foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button