ConcellosÚltima hora

A Deputación axuda á Festa da Istoria de Ribadavia con 10.000 euros

En total, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou 60.000 euros en axudas para cultura, deporte e infraestruturas
Pablo Pérez.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, celebrada hoxe, 8 de xuño, aprobou un total de 57.360 euros en axudas a entidades e concellos da provincia destinadas a temas de cultura, deporte e infraestruturas. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao xoves 8 de xuño.

En concreto, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 10.000 euros para a Fundación Festa da Istoria, destinada á celebración desta festa correspondente ao ano 2017. En materia de cooperación cos concellos, na xuntanza aprobouse unha axuda para o Concello de Castrelo do Val por importe de 19.360 euros para a adquisición dun brazo para rozadora. Para o Concello de Celanova, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 16.000 euros destinada ás obras de construción do depósito de auga na localidade de Sampil e, por último, unha axuda para o Concello da Gudiña por importe de 12.000 euros para a organización do 4º RallyMix da Gudiña, segundo Memorial Guillermo Lago.

Asemade a Xunta de Goberno aprobou a modificación do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017 relativa ao Concello de San Amaro, no que atinxe á obra “saneamento en San Sebastián” polo cambio de denominación da obra a “saneamento en San Sebastián e saneamento na Torre, 2ª fase”, mantendo o orzamento inicial de 35.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button