En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Deputación corta a estrada a San Vicente de Leira

Na tarde do 10 de marzo varios operarios colocaban unha valla no vial, que impide o acceso a este pobo vilamartinés

En previsión de que podían cortarlles a estrada ao seu pobo, os veciños de San Vicente de Leira (Vilamartín) concentrábanse xa dende primeira hora da mañá do 10 de marzo no acceso á localidade. E así sucedía, pese a que nin eles nin o Concello recibían ningunha comunicación oficial de que se ía proceder ao peche do vial. Pasadas as tres da tarde os técnicos da Deputación de Ourense presentábanse no lugar e, ante as numerosas persoas concentradas, procedían a cortar o vial cunha valla xusto á entrada de San Vicente. “Puxeron a valla tan arrimada, que non podes pasar a pé por un lado, tes que saltar para poder cruzala”, comenta unha das veciñas.

A partir de agora, a única alternativa que lles queda aos veciños para chegar ás súas casas é usar unha pista municipal, que está tamén en malas condicións. “Non imos parar ata que consigamos poder entrar ao noso pobo con tranquilidade e cun paso digno. O marrón que ten a Deputación estallo pasando agora ao Concello. A pista non está adaptada, esta non é unha solución”, comentan os veciños de San Vicente.

 

 

Pola súa banda, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, que interrumpía o seu peche para trasladarse ata San Vicente no momento do corte, critica a actitude “prepotente” da Deputación. “Viñeron, cortaron e puxeron unhas vallas que ademais están sen sinalizar, como mínimo deberían ter unha sinalética anterior ás vallas advertindo de que a tantos metros hai unha estrada cortada”.

O rexedor coincide cos veciños en que esa pista non é axeitada e que non hai espazo para que podan cruzarse dous vehículos. “Ao final a estrada OU-0807 segue sendo perigosa como o era hai 10, 15 ou 20 anos, o perigo estivo sempre aí, pero agora o presidente da Deputación empéñase en que ten que pechala e péchaa. Eu entendo que ao mellor é posible que estes días estea un pouco máis perigosa, entendo que tome este tipo de medidas para cubrirse as costas, o problema é que lle carga ese morto ao Concello. Si que é verdade que pensei en cortar a pista municipal, pero estivémoslle dando voltas dun lado e doutro, e se nós cortamos a estrada entón xa non lle queda ningunha alternativa ao pobo, e se mañá pasa calquera cousa alí ao final o culpable vou a ser eu, e se mañá hai un accidente nesa pista, o Concello tamén será o responsable”.

 

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, pechado no Concello.

Asegura que os veciños viven un gran sentimento de tristeza e que incluso no momento do corte había persoas maiores chorando e o que pasaron moi mal, pero que van continuar coas mobilizacións en demanda dunha solución a esta complicada situación. “Para min cortar a estrada segue sen ser a solución, dende logo, nunca a foi. Unha solución de momento é que teñen que descargar o vial na parte do pobo e deixarnos unha vía para que podemos seguir entrando a San Vicente por aí, á espera do proxecto defitinivo. Somos moi conscientes de que ese proxecto ten uns trámites e uns tempos, pero iso é unha cousa e outra cousa é un arranxo por vía de urxencia do que se lle pedíu, algo que lles era relativamente fácil”.

Fotos cedidas.
Galería de fotos:
https://osil.info/peche-ao-trafico-da-estrada-de-san-vicente-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button