ConcellosÚltima hora

A Deputación dálle 8.000 euros a Rubiá para as estradas de Oulego

A Xunta de Goberno tamén vén de aprobar as bases para o “Premio Parada” á xestión cultural
Pablo Pérez.

A Xunta de Goberno da Deputación, celebrada hoxe, 2 de xuño, vén de aprobar axudas para diversos concellos da provincia. Así o confirmou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez.

A primeria é unha de 6.000 euros para a edición do Premio Antón Losada Diéguez, correspondente ao ano 2017.Outra das axudas aprobadas na xuntanza foi para o Concello de Rubiá por importe de 8.000 euros para a adquisición de materiais para a mellora das vías na localidade de Oulego e, para a Mancomunidade Intermunicipal Conso Frieiras aprobou unha axuda de 40.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade de 2017.

Tamén aprobaron unha para o Concello de Ourense por importe de 50.000 euros destinada á organización do festival de cine internacional OUFF, correspondente ao ano 2017. Para o Concello de Parada do Sil, aprobaron dúas axudas, unha delas de 50.000 euros para a mellora de infraestruturas do Xeriátrico Luces do Sil, e a outra de 30.000 euros destinada á restauración do belén de barro da capela de San Ramón.

 

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a ratificación do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Asociación Gen Plus, polo cal o goberno provincial destina unha axuda de 50.000 euros para o estudo, investigación e difusión sobre o municipalismo.

“Premio Parada”

Tamén aprobou as bases reguladoras da convocatoria do “Premio Prada” á xestión cultural. Este premio está dirixido a persoas, proxectos ou colectivos “que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural e que desenvolvan a súa actividade en Galicia ou fóra, pero con referencias claras á cultura galega”. O galardón terá tres modalidades: profesionais, voluntarios ou colectivos afeccionados, proxectos culturais vencellados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Culutral (AGPXC) e que formen parte do manual de boas prácticas.

No eido dos premios, a primeira modalidade recibirá o financiamento dunha bolsa para a participación nalgunha acción formativa sobre xestión cultural no marco do programa Europa Creativa ou de calquera outra entidade cultural que resulte de interese para o premiado, cunha contía máxima de 1.000 euros. A segunda modalidade recibiría o premio de colaboración directa coa Deputación co seguinte proxecto que desenvolvan esas persoas volutnarias ou colectivos afeccionados, cunha contía máxima de 2.000 euros. Por último, para os proxectos culturais vinculados á AGPXC, o premio será dunha colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultura que promovan os responsables do proxecto gañador neste apartado, cunha contía máxima de 3.000 euros. Asemade, todos os premios irán acompañados, nas tres modalidades, cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns, así como dun diploma acreditativo. Así mesmo, o premio poderase declara deserto en todas ou nalgunha das modalidades.

Os interesados en participar poderán presentar a súa candidatura será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación destas bases no BOP, que terá lugar arredor da primeira semana de decembro de cada ano. O formulario de presentación da candidatura ao premio deberá ir acompañado dunha breve memoria de non máis de 3 folios, nos que se recollan os méritos xustificativos da presentación da candidatura. As candidaturas poderán ser presentadas por profesionais da xestión cultural, colectivos culturais ou institucións públicas ou privadas do ámbito cultural, sen que os candidatos se poidan postular a eles mesmos pero, non será admitidas aquelas que xa foran recoñecidas en edicións anteriores ou teñan relación directa con estas a partir da segunda edición.

O xurado do premio estará integrado por 11 membros: o presidente da Deputación ou persoa na que delegue como presidente do xurado, e como vogais sería un representante da Deputación, un representante da Secretaría Xeral de Cultura, catro profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da xestión cultural designados pola Deputación, catro representantes da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, e un representante da Asociación Cultural Rodolfo Prada, dos Peares. Como secretario, con voz pero sen voto, actuará un funcionario da Deputación de Ourense.

O premio entregarase nun acto social organizado pola Deputación de Ourense no marco da celebración da ICC Week que cada ano organiza esta institución na primeira semana de maio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button