OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense dá luz verde a tres programas de asistencia ao Consorcio de Augas de Valdeorras

Dous deles son para O Barco e o terceiro é un programa de asistencia á xestión do servizo intermunicipal de depuración de augas residuais de Valdeorras

Na Xunta de Goberno que a Deputación de Ourense celebraba na mañá do 5 de xaneiro aprobábanse tres programas de asistencia técnica, xurídica e administrativa ao Consorcio de Augas de Valdeorras na xestión de diversos servizos para o exercicio 2018.

“O primeiro programa afecta á xestión dos servizos de abastecemento de auga potable no municipio do Barco para 2018, polo que o Consorcio realizará un pagamento de 142.718 euros á Deputación. En base a este programa, a Deputación encargarase da supervisión técnica do mantemento preventivo dos sistemas de almacenamento e regulación da auga potable e da rede de distribución; da supervisión e asistencia técnica para a execución de acometidas de abastecemento; da realización de controis analíticos de calidade da auga abastecida; da asistencia para a lectura de contadores, elaboración de padróns de contribuíntes e preparación material da facturación das taxas de abastecemento e do canon de auga; incluíndo neste caso a asistencia para a elaboración dos padróns da taxa polo servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, ao estar actualmente unificados os recibos destes tributos neste municipio”, tal e como se informa dende o organismo provincial.

Tamén se daba luz verde a un programa de asistencia relativo á xestión dos servizos de saneamento no municipio do Barco de Valdeorras, polo cal o Consorcio aboará a cantidade de 47.042 euros “en concepto de supervisión técnica do mantemento preventivo dos elementos de constitutivos de manobra, control e protección e da rede de saneamento; asistencia técnica para a execución de acometidas de saneamento; asistencia para a elaboración de padróns de contribuíntes e preparación da facturación das taxas de saneamento; asistencia xurídica para a elaboración de ordenanzas e xestión dos expedientes relacionados cos servizos, entre outros”, segundo a Deputación.

Por último, aprobábase o programa de asistencia á xestión do servizo intermunicipal de depuración de augas residuais de Valdeorras, polo que o Consorcio realizará un pagamento de 270.534 euros. Neste apartado, os servizos a prestar serán a supervisión técnica do mantemento preventivo das infraestruturas de depuración de augas residuais xestionadas polo Consorcio; a supervisión técnica dos traballos de baleirado e limpeza das fosas sépticas existentes nos municipios da comarca e traslado dos lodos a unha planta de tratamento; realización dos controis analíticos esixidos pola lexislación vixente na auga tratada nas infraestruturas de depuración; e asistencia xurídica para a elaboración de ordenanzas e xestión dos expedientes relacionados co servizo, entre outros.

Nos tres casos, as prestación serán realizadas por “Aquaourense, SA, na súa condición de concesionaria do servizo provincial de asistencia a municipios en materia de servizos relacionados co ciclo hidráulico. Ademais, nos tres programas, en concepto de compensación polos custes de enerxía eléctrica soportados pola Deputación, o Consorcio aboará a cantidade efectivamente facturada á Deputación pola empresa subministradora neste concepto. En canto á duración, os tres programa terán unha vixencia dun ano, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2018”, segundo a Deputación.

Artigos relacionados

Back to top button