ConcellosÚltima hora

A Deputación destina 100.000 euros para acceso á vivenda na Veiga

Na Xunta de Goberno de hoxe aprobaron, tamén, 180.150 euros en axudas para eventos deportivos
Montserrat Lama deu conta, en rolda de prensa, dos asuntos tratados na Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na xuntanza de hoxe, 22 de setembro, a concesión de varias axudas para cooperación cos concellos e para eventos deportivos. Así o explicou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama.

No eido de cooperación con concellos, Montserrat Lama explicou que para o Concello da Veiga a Deputación aprobou unha axuda de 100.000 euros destinada ao programa de reactivación da economía rural e da rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda “Revivenda rural”. Seguidamente, para o Concello de Oímbra destinaron unha axuda económica de 10.000 euros para a XX edición da Festa do Pemento. Finalmente, destinarán unha axuda de 50.000 euros para gastos de funcionamento de servizos municipais do 2017 para o Concello de Xunqueira de Espadanedo.

Continuando en materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 10.000 euros para a Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense ADERCOU, para a redacción e posta en marcha do programa Leader 2014-2020.

Por outra banda, aprobaron dúas modificacións do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017. A primeira modificación supón a incorporación ao plan principal a obra “tratamento superficial con microaglomerado na OU-0308”, no termo municipal de Avión, cun orzamento de 60.000 euros. A outra modificación é relativa ao Concello de Calvos de Randín que incorpora ao plan a obra “limpeza e reparación de fosas sépticas en Golpellás, Santiago de Rubiás e Castelaus” por importe de 55.000 euros, en substitución da obra “rehabilitación parcial casa reitoral-residencia”.

Actividades deportivas

Os membros do Goberno provincial aprobaron a segunda convocatoria do concurso para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2017, polo que concede un total de 18.150 euros en axudas a quince entidades para eventos de diferentes disciplinas deportivas.

Artigos relacionados

Back to top button