A Deputación destinará 478.000 euros en axudas para o deporte

A Xunta de Goberno aprobou esta partida xunto coas bases do concurso de xonralismo “Xosé Aurelio Carracedo”, dotado cun único premio de 3.000 euros

Montserrat Lama deu conta dos asuntos tratados pola Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou, na reunión celebrada o 12 de xaneiro, un total de 478.000 euros a axudas para o deporte e as bases do XXVIII Premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, que estará dotado cun único premio de 3.000 euros. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

No eido do Deporte, aprobáronse as bases da convocatoria das subvencións a clubs deportivos de Ourense para o 2018 e as bases reguladoras para a concesión de subvencións para as Copas Deputación 2018. Para a primeira convocatoria, a entidade provincial vai destinar 400.000 euros, sendo a contía máxima de cada subvención de 24.000 euros.

Poderán beneficiarse destas axudas os clubs con domicilio social na provincia, inscritos nos rexistros deportivos da Xunta de Galicia; aqueles que participen na temporada 2017/2018 en competicións oficiais; e posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría sénior ou absoluta.

Para os clubs que compitan en disciplinas individuais establécese como requisito básico posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición. Non poderán ser beneficiarios os clubs que só participen en ligas ou competicións locais ou comarcais, ou exclusivamente no deporte escolar ou ligas de empresas. O prazo de presentación de solicitudes, ben de forma presencial ou telematicamente, iniciarase a partir da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 28 de febreiro.

No eido das Copas Deputación 2018, o orzamento co que conta a Deputación é de 79.000 euros e poderán ser beneficiarias deste programa as federacións deportivas galegas, a través das súas respectivas delegacións na provincia de Ourense. Se a sede social da federación galega estivese radicada na nosa provincia, ou se esta carecese de delegación en Ourense, poderá realizar a solicitude a propia federación galega, directamente. Igualmente, as federacións poderán encomendarlle a organización da Copa Deputación a unha entidade deportiva domiciliada na provincia de Ourense.

Nesta convocatoria queda excluída a Copa Deputación de Fútbol, xa que polo seu arraigamento e dimensión nesta provincia será obxecto de financiamento a través dunha subvención nominativa nos termos que estableza o Pleno da Deputación. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase trala publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 28 de febreiro de 2018.

Premio “Xosé Aurelio Carracedo”

Poderán optar a este premio todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais, en calquera das súas modalidades.

As propostas poderán ser, indistintamente, presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado. Os traballos ou conxuntos de traballos -gráficos, escritos ou audiovisuais-, terán que estar publicados en medios de comunicación galegos, ou referirse a Galicia, entre o día 1 de xaneiro de 2017 e o día 31 de decembro do mesmo ano. De xeito especial, valorarase a realización e presentación de traballos en lingua galega.

O xurado do premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vocais formarán parte do mesmo un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; un representante da Federación de Asociacións de Periodistas; un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. O secretario do xurado, con voz pero sen voto, será o responsable da Comunicación da Deputación de Ourense.

O prazo para a presentación de traballos pecharase o día 16 de marzo de 2018 e o acto de entrega coincidirá co día 3 de maio (Día internacional da liberdade de prensa).

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies