ConcellosÚltima hora

A Deputación destinará axudas aos concellos afectados polos lumes

Ditas partidas serán destinadas a servizos sociais e infraestruturas danadas, asemade axudarán na tramitación das solicitudes que acheguen as administracións locais [/drocpap]

José Luis Valladares e Manuel Baltar.

O Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Cea, José Luis Valladeres, mantiveron hoxe unha xuntanza para falar dos lumes acaecidos o pasado domingo, 22 de outubro, xa que esta localidade foi unha das máis afectadas da provincia.

Nesta xuntanza o presidente do executivo provincial asegurou que a Deputación estará “con disposición e dispoñibilidade absolutas para colaborar con outras administracións públicas co obxectivo de atender os casos de necesidade, como a reconstrución de vivendas afectadas polo lume, traídas de auga e melloras en estradas e camiños”.

Manuel Baltar reiterou que “este é o momento de actuar nunha situación de emerxencia diante das graves consecuencias provocadas polos lumes, non de perder o tempo en determinar as competencias das administracións”. O presidente insistiu en que nestes momentos “cómpre efectividade, cooperación e solucións, sen pararse en escusas burocráticas, porque o que se trata é de asistir a persoas que están a necesitar servizos básicos e a concellos que demandan a posta en funcionamento de infraestruturas que resultaron danadas polos incendios”.

Neste senso, Baltar explicou que a Deputación axudará na tramitación das solicitudes que fagan chegar os concellos afectados polos lumes, “para que no menor prazo de tempo posible se poida facer efectivo o trámite e se realicen as obras de reparación necesarias”. Por este motivo, a Deputación, asegurou, ten xa disposto axudas necesarias para cuestións xa plantexadas polos concellos e asociacións, como a redacción de proxectos de rehabilitación de vivendas ou as traídas das augas veciñais.

Manuel Baltar reiterou a “total colaboración” da institución provincial cos operativos de extinción de incendios por medio da cesión de recursos humanos e materiais da propia institución e do consorcio provincial de incendios, así como outras accións como asumir o custo íntegro dos grupos de emerxencia supramunicipal ou a elaboración dun mapa provincial de emerxencias, e subliña a necesidade “de consolidar un modelo de participación, análise e avaliación da situación, perspectivas de mellora e coordinación ante os incendios forestais e emerxencias en xeral”.

Nesta liña, avanza entre as propostas poñer en marcha un sistema de información a través de dispositivos móbiles “para que os cidadáns coñezan en tempo real os lumes activos, localización, nivel e os medios e persoal que colabora na extinción”, ao que se engadiría “un plan de cooperación para que os concellos dispoñan de plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais e os integren nos plans de emerxencia municipais”.

Artigos relacionados

Back to top button