CulturaCulturaÚltima hora

A Deputación estuda crear un premio de teatro infantil e xuvenil dedicado a Casares

A proposta, da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, foi analizada na reunión que mantiveron Baltar e os editores desta entidade
Manuel Baltar, con Xosé A. Perozo, editores e representantes de Gálix.

A Deputación de Ourense estuda crear un premio de teatro infantil e xuvenil en lingua galega que leve o nome do escritor ourensán Carlos Casares, autor ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas. A proposta é unha iniciativa da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (Gálix) que foi analizada na reunión que mantivo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, co presidente desta entidade cultural e da Organización Española para la Literatura Infantil (OPELI), Xosé A.Perozo; co ilustrador Antonio Seijas, vicepresidente de Gálix; e cos editores Mercedes Pacheco, de Auga Editora, e David Cortizo, de Urco.

O presidente do goberno provincial destacou a importancia “de seguir potenciando a figura de Carlos Casares, un dos grandes das nosas letras, escritor cuxa obra é para todos os públicos, motivo polo cal, entre todos temos a obriga de difundila e achegala ao maior número de persoas por medio de diferentes formatos literarios e artísticos, ademais de promover a creación e a innovación no ámbito cultural”, afirma Manuel Baltar.

Este premio de teatro infantil e xuvenil tería carácter anual e a súa convocatoria coincidiría coa data de nacemento de Carlos Casares, o 24 de agosto, así como o ditame do xurado, na mesma data, en 2018. O Teatro Principal de Ourense acollería posteriormente, no nadal dese ano, a representación da obra premiada.

A Deputación de Ourense e Gálix valoran levar a cabo conxuntamente esta iniciativa cultural co obxectivo de fomentar a produción de textos dramáticos en galego dirixidos ao público infantil e xuvenil e propiciar a posta en escena dos mesmos, así como a súa edición en formato libro. Deste xeito a Deputación de Ourense segue o ronsel dunha vella tradición de fomento do teatro galego, que no século pasado tivo na provincia ourensá unha grande importancia para a cultura galega.

Artigos relacionados

Back to top button