EconomíaEconomíaÚltima hora

A Deputación e o Grupo GEN analizan os ámbitos económicos dos servizos municipais

Este esutdo avalía a organización e o financiamento dos servizos dos concellos galegos
Alberto Vaquero, Manuel Baltar e Santiago Lago.

A Deputación de Ourense e o Grupo de Investigación GEN presentaron hoxe, 22 de xaneiro, senllos estudos que analizan a realidade municipal galega en materia fiscal, económica e organizativa: o Informe “Red Localis” e o “Observatorio Municipal Galego”. No acto participaron o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o director do Grupo de Investigación GEN, Santiago Lago; e o co-director da Red Localis, Alberto Vaquero.

“Con esta alianza institucional e académica, unha iniciativa de prospección e análise, a Deputación de Ourense lidera a innovación no ámbito do servizo ao municipalismo, achegando información máis accesible e actualizada, de gran utilidade, sobre a realidade local galega”, afirmou Manuel Baltar.

Baltar agradeceu o traballo do Grupo de investigación GEN que, en colaboración coa Deputación de Ourense, “desenvolve estes estudos que ofrecen datos en tempo real e permiten facer unha diagnose, e mesmo proxeccións a medio/longo prazo, do estado do municipalismo en Galicia”, engadiu.

Pola súa parte, Santiago Lago lembrou que o convenio entre a Deputación de Ourense e o Grupo GEN abrangue tres iniciativas: “O congreso sobre o municipalismo de ámbito nacional, no que se debateron os retos do mundo local desde as perspectivas académica e da Administración Local; o informe da Red Localis, unha ferramenta para plasmar as ideas e perspectivas do eido local, e o Observatorio Municipal Galego, que achega datos sobre cuestións clave do municipalismo”.

Aparte do sector económico, Santiago Lago definiu a Ourense como “o “laboratorio” da Unión Europea para anticipar políticas sociais cara a 2050”, destacando “as oportunidades que ten a provincia en ámbitos como o do envellecemento activo, tendo en conta a alta esperanza de vida”. “Grazas a esta alianza coa Deputación de Ourense, o noso aliado estratéxico, podemos desenvolver proxectos de análise socio-económico, de servizos e de financiamento local”, dixo.

O Informe Red Locais, titulado “Organización e financiamento de servizos municipais”, pon en valor a necesidade de avaliar a organización e o financiamento dos servizos municipais. Abrangue temáticas sobre o financiamento municipal, servizos e cooperación, coa participación de académicos e profesionais do mundo local, “reflexións que se fan desde Ourense por autores de toda España para aportar propostas sobre o ámbito local”, sinalou Santiago Lago.

Pola súa banda, o Observatorio Municipal Galego, recolle e difunde información fiscal e económica dos 313 concellos galegos, permitindo que os cidadáns “coñezan en tempo real a información referida a orzamentos, transparencia e xestión pública”, destacou Alberto Vaquero. A información desta plataforma pode consultarse na web: www.observatorioredlocalis.com.

Artigos relacionados

Back to top button