OurenseÚltima hora

A Deputación instará á Xunta a que “siga a proporcionar” os medios necesarios para atallar á velutina

No Pleno Ordinario de hoxe tamén se aprobou instar ao executivo galego a que restaure a Hemodinámica as 24 horas tras “analizar os datos do Rexistro Galego de Atención ao Infarto de Miocardio e se vexa unha necesidade obxectiva de implantación”
Sesión plenaria de hoxe. // Foto: Carlos Asensio.

A Deputación de Ourense debateu hoxe, 26 de xaneiro, en Sesión Plenaria ordinaria, diferentes aspectos e medidas a levar a cabo para “atallar o problema da vespa velutina”. Así o presentou o deputado socialista e voceiro do grupo, Francisco Fraga. Esta proposta foi modificada a través dunha moción presentada polo PP con 14 votos a favor e 11 en contra (PSOE, Democracia Ourensana e BNG).

En concreto, o que os socialistas demandaron é que “se a Xunta non dota de medios aos parques de Bombeiros, Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e Protección Civil, que o faga a Deputación dentro das súas competencias”. Un argumento que o grupo popular rexeitou a través dunha emenda “porque a Xunta está a facer segundo o Protocolo de Vixilancia da Vespa Velutina”, asegurou o deputado e responsable do Consorcio Provincial de Emerxencias, Pablo Pérez.

Francisco Fraga asegurou que en Ourense prodúcese o 40% do mel de Galicia e que por iso “este é un problema que hai que atallar de raíz” xa que, polo momento, a presenza desta especie invasora “só se deu na zona do Carballiño e do Ribeiro e na comarca de Ourense. O socialista baseou o seu argumento nas cifras, asegurando que na provincia déronse 522 avistamentos de niños no 2017 cando no 2014 non se producira ningún.

Outro dos puntos presentes na moción foi o da información ao público. Segundo explicou Fraga, “a información presente na web de Medio Rural está moi ben pero na provincia hai lugares onde aínda non hai cobertura para acceder a esa web”, por este motivo instaban á Deputación a crear unha campaña. Pero, definitivamente, tras aprobar a moción, a Deputación instará á Xunta a facer esa campaña de información a apicultores e cidadáns “tal e como sinala o protocolo de Medio Rural”, dixo Pablo Pérez.

Finalmente, acordouse que a Deputación de Ourense, mediante un convenio de colaboración, apoie á Agrupación Apícola de Galicia e á Área de Apicultura da Universidade de Vigo no Campus de Ourense co seu proxecto de protección ás abellas fronte á vespa velutina.

O Pleno da Deputación tamén aprobou definitivamente, cos votos a favor de PP, PSOE e BNG (23) e as dúas abstencións de Democracia Ourensana, o Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercizo 2018 e o Plan Complementario, para os cales a institución provincial achegará un importe de 11.294.234 euros.

En materia de Sanidade, foron dous os puntos que se debateron na sesión plenaria de hoxe: Instar á Xunta a que instale o Servizo de Hemodinámica 24 horas no CHUO, presentada polo grupo socialista, e o colapso das Urxencias, presentada polo BNG, que foi rexeitada cos votos en contra do PP.

Na primeira, a deputada socialista, Isabel Gil, reclamou a posta en marcha deste servizo baseándose nos datos do Instituto Nacional de Estatística: “no ano 2016 Ourense lidera a taxa de mortalidade por cada 100.000 habitantes de infarto de miocardio”. Nese eido, o deputado do PP, Rosendo Fernández, asegurou que na intervención da señora Gil “non aparece nomeado o Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio, o REGALIAM” aseverando que é o documento “no que o SERGAS se basea” para dotar deste servizo as áreas sanitarias. E reiterou que o INE “non é un termo sanitario estrito”. Así é todo, o deputado nacionalista, Ramiro Rodríguez, foi crítico ao asegurares que o do peche da Hemodinámica as 24 horas “foi unha decisión política” xa que “calquera técnico que vexa isto sabe que non funciona ben así”.

Por estes argumentos, o grupo popular presentou unha emenda de substitución, a cal foi aprobada, na que se instaría á Xunta a que “se proceda a actualizar a necesidade obxectiva de implantación deste servizo as 24 horas” no CHUO por razóns de equidade e prestación unha vez avaliados os datos pola Comisión de Control e Seguimento do “Rexistro Galego de Atención ao Infarto de Miocardio”.

No eido das Urxencias, falaron da sobresaturación do servizo ou a perda de especialidades nos hospitais comarcais da provincia.

Artigos relacionados

Back to top button