OurenseÚltima hora

A Deputación pon en marcha un Plan de Igualdade entre mulleres e homes

Esta iniciativa terá unha vixencia de catro anos e o seu seguimento vaino facer unha Comisión de Igualdade
Montserrat Lama. // Foto: Carlos Asensio. 

A Deputación de Ourense vén de presentar hoxe, 30 de outubro, o I Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2017-2021, e que foi aprobado en Sesión Plenaria correspondente ao pasado mes de setembro.

Segundo explicou a deputada provincial de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, este plan “contempla medidas para alcanzar a igualdade total entre homes e mulleres en todos os ámbitos”. Lama reiterou que este programa “representa tamén o compromiso da Deputación coa igualdade para cos seus traballadores”.

Para levar a cabo este plan, contarán cunha Comisión de Igualdade, que foi creada o pasado mes de marzo, “e que está integrada por diferentes representantes políticos, sindicais e traballadores da Deputación”, dixo Montserrat Lama. Asemade, vanse reunir cada seis meses para avaliar a xestión do Plan e comprobar o cumprimento de obxectivos “así como atender consultas e reclamacións dos traballadores da Deputación”.

En canto á estruturación deste Plan, a deputada de Transparencia e Goberno Aberto dixo que “vai estar estruturado en catro bloques”. O primeiro está dedicado á organización interna, para fomentar a formación en materia de igualdade “a cal comezará a impartirse no primeiro trimestre do vindeiro 2018 para os traballadores da administración”, sinalou Montserrat Lama. O segundo bloque é o de participación equilibrada entre mulleres e homes dentro do cal inclúese a participación en igualdade de todos os procesos de organización.

O terceiro apartado está centrado nos tempos de traballo, e contempla iniciativas a prol da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. “Por exemplo, os pais ou nais que teñan fillos os que a entrada e saída do colexio coincida co seu horario de traballo, este poderá cambiarse”, explicou Lama, que asegurou que xa houbo catro solicitudes de conciliación que xa foron aprobadas por esta Comisión de igualdade”. O cuarto apartado está dedicado á seguridade e saúde do traballo para garantir a protección integral de mulleres traballadoras da Deputación que poidan ser vítimas de violencia de xénero, así como velar pola saúde das mulleres embarazadas ou no período de lactancia.

Artigos relacionados

Back to top button