EconomíaEconomíaÚltima hora

A Deputación prepara unha nova misión comercial USA-Ourense

No encontro participarán case un centenar de institucións relacionadas co ámbito comercial
Jorge Brown, director xeral de Advanced Leadership Foundation, e Manuel Baltar.

Preto dun centenar de empresas e institucións relacionadas co ámbito comercial ( 75 ourensás e 22 estadounidenses) daranse cita o vindeiros días 6 e 7 de xullo en Ourense na segunda edición da Misión Comercial USA-Ourense, un encontro empresarial no que os representantes institucionais e os empresarios “analizarán canles de negocio e cooperación nos sectores agroalimentario, tecnolóxico, medioambiental, turístico, distribución, consultoría, enerxía e fondos de investimento”, informaron dende a Deputación.

Os escenarios escollidos para estes encontros serán o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Allariz e o mosteiro de Oseira. Nestes lugares desenvolveranse os actos de apertura e clausura, así como os relatorios e os encontros de networking entre empresas e institucións. Dende o goberno provincial aseguran que esta misión contará “con representantes do Congreso dos Estados Unidos, o congresista republicano Patrick Meehan e a demócrata Linda Sánchez, sendo o anfitrión o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e contando coa coordinación e organización a cargo de Juan Verde, presidente da fundación Advanced Leadership.

O obxectivo desta misión, aseguran dende a Deputación, é impulsar as relacións entre as empresas de Ourense e Estados Unidos en sectores que favorezan sinerxias e creación de emprego na provincia. “Será un encontro histórico”, afirmou Manuel Baltar, “como xa o foi na primeira edición”. O xefe do executivo provincial reiterou que “posibilitará ao mercado estadounidense coñecer o potencial que ofrece a provincia de Ourense e as súas empresas”.

Encontros bilaterais, paneis informativos, relatorios sobre internacionalización e investimento conforman o programa de actividades desta segunda Misión USA-Ourense, no que tamén participarán expertos en comercio exterior e representantes da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), e da Cámara de Comercio de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button