OurenseÚltima hora

A Deputación presenta o 82º Congreso do PEN International

O evento celebrarase en Ourense entre o 26 de setembro e o 2 de outubro
A presentacion do 82 Congreso do PEN en Ourense tivo lugar onte, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
A presentacion do 82 Congreso do PEN en Ourense tivo lugar onte, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu onte a presentación do programa do 82º Congreso do PEN Internacional, un evento que reunirá en Ourense a máis de 200 escritores de todo o mundo entre os días 26 de setembro e 2 de outubro. Trátase da segunda vez que esta reunión de literatos se celebra en Galicia, tras a primeira rexistrada no 1993 en Santiago de Compostela.

No acto de presentación estivo presente o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o presidente do Centro PEN Galicia, Luis González Tosar, o coordinador do congreso, Xavier Castro, e a escritora e membro da comisión organizadora, Inma López Silva. O lema desta edición ourensá será “Erguendo pontes literarias”.

“Será unha das grandes novas do ano para Ourense pola repercusión internacional que a nosa provincia terá no ámbito literario”, definía Baltar, quen tamén se mostrou confiando en que será “un éxito de convocatoria”.

Sobre a programación do congreso, Castro deu conta das principais actividades. Así, prevese a celebración da Asemblea de Delegados durante dúas xornadas e media, exposicións, relatorios, recitais poéticos e a presentación do informe deLiberdade de Expresión e Dereitos Lingüísticos. Tamén se entregará o premio “New Voices” do PEN International e haberá unha mesa redonda baixo o título “Galicia, ponte literaria”.

Por último destacouse que o congreso servirá de marco para o Proxecto Libertas, unha iniciativa que busca potenciar a defensa da liberdade de expresión. Trátase dunha exposición fotográfica-artística que se acompaña con textos explicativos da obra de distintos autores.

Tamén a entrega dos Premios Rosalía de Castro -que recoñecen o labor de Dina Salústio, Almudena Grandes, Álex Susanna e Marisun Landa- será neste congreso, aínda que nun acto que se celebrará en Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Back to top button