PolíticaÚltima hora

O deputado Davide Rodríguez (En Marea) pide unha nova convocatoria do Plan Marco de Camiños Municipais

Considera que a “aposta polo rural” da Xunta “é unha falacia e redúcese a catro medidas propagandísticas que arranxan cero problemas aos que vivimos nel”
O deputado Davide Rodríguez de Manzaneda, nunha intervención no Parlamento galego.

O grupo de En Marea no Parlamento galego En Marea pídelle ao goberno da Xunta “unha nova convocatoria” do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais e que “lle dean aos concellos de Galiza un PEIM como se merecen, e non unha esmola”, segundo sinala Davide Rodríguez, deputado desta formación política.

Este parlamentario lembra que o pasado 28 de marzo de 2017 o director xeral de Desenvolvemento Rural “reuníase coa xunta de voceiros da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co fin de avanzar no deseño e execución Plan Marco de mellora de camiños municipais para 2017 e 2018, dotado con case 16 millóns de euros. Anunciaba o director xeral de Desenvolvemento Rural que a execución do plan permitiu o ano pasado o arranxo dun total 810 quilómetros de vías públicas en 293 concellos galegos”.

Sen embargo, Rodríguez apunta que “o paradoxo deste programa xurde cando na resolución do ano pasado (…) estimábanse un total de 730 camiños arranxados que alcanzarían máis de 1300 quilómetros. Isto é, executáronse moitos menos quilómetros de camiños dos previstos, un 38% menos do proxectado. Non sabemos se esta redución se trasladou tamén ao investimento executado”.

Ademais, asegura que na comisión 7ª do venres día 2 de xuño do 2017, o director xeral de Agader, “o Sr. Dubois, anunciou o Plan Marco de Mellora de Camiños para o ano 2017 e 2018, 7.999.343,50 € para cada ano. Ou sexa, menos da metade que o ano pasado”. Nese senso, Davide Rodríguez considera que “a súa aposta polo rural é unha falacia e redúcese a catro medidas propagandísticas que arranxan cero problemas as/os que vivimos nel”.

Artigos relacionados

Back to top button