PolíticaÚltima hora

O deputado popular Moisés Blanco critica a visita do secretario xeral do PSdeG a Valdeorras

Lamentaba, a través dunha nota de prensa, que Gonzalo Caballero “viñera a O Barco a facer demagoxia e a mentir sobre a reforma da Lei de Saúde de Galicia que transformará a Valdeorras en distrito sanitario”
O deputado autonómico do PP, Moisés Blanco.

Tras a visita de Gonzalo Caballero a Valdeorras o pasado 3 de xaneiro na que se reunía coa xunta de persoal do Hospital Comarcal Valdeorras, o deputado autonómico do PP, Moisés Blanco, emitía unha nota de prensa na que criticaba esta viaxe do secretario xeral dos socialistas galegos.

Blanco lamentaba no comunicado remitido aos medios que Gonzalo Caballero “viñera a O Barco a facer demagoxia e a mentir sobre a reforma da Lei de Saúde de Galicia que transformará a Valdeorras en distrito sanitario, e que permitirá blindar por lei a permanencia e actividade do Hospital Comarcal”.

O deputado popular acusaba aos socialistas de ter “memoria selectiva e agora pretender ocultar que o goberno bipartito, cunha socialista ao fronte da Consellería de Sanidade, no ano 2008, presentou unha proposta de Ordenación Sanitaria de Galicia, deixando una soa área sanitaria na provincia de Ourense, convertindo a Valdeorras en zona sanitaria”.

Ademais Moisés Blanco rexeitou as críticas ao respecto do aumento dos desprazamentos a Ourense indicando que “cómpre lembrar que desde o ano 2011, co modelo das EOXI, foron evitados case 47.000 desprazamentos aos pacientes que foron atendidos no Hospital de Valdeorras e coa reforma seguirán evitándose xa que promoverá que os especialistas poidan acercarse e con maior frecuencia ao hospital”.

Sobre a calidade asistencial, o deputado aseguraba que “non se perde en absoluto, xa que se crea o distrito sanitario como marco de referencia para a coordinación da atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria, se crearán máis e mellores servizos sanitarios e a atención será máis próxima ao domicilio, polo que os pacientes serán os grandes beneficiados da actualización da Lei”.

Artigos relacionados

Back to top button