ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Desaparecen as antigas casas de Cedie no Barco

Para moitas familias de Valdeorras estas construcións están cheas de lembranzas e de experiencias compartidas

 

 

A primeiros da década dos anos 40 do pasado século XX a Compañía Española de Industrias Electroquímicas, S.A., Cedie, instalábase no Barco. Nos seus inicios fabricaba gasolina sintética, pero esta actividade resultaba un fracaso e, como solución alternativa, optábase pola elaboración de carburo de calcio “para obter acetileno a partir da caliza. Esta foi a razón que levou á absorción da vella empresa Caleras de Valdeorras, S.A. por Cedie e á construción cara 1950 das instalacións adecuadas para esta nova actividade, instalacións que se irían modernizando no paso dos tempos e diversificando a súa produción”, tal como recolle o investigador valdeorrés Isidro García Tato no volume “Priorato de Xagoaza (Valdeorras, Ourense). El referente histórico de una próspera comarca gallega”.

Tras máis de 70 anos funcionando no Barco, esta empresa entra nunha agora nova etapa, apostando pola innovación e a diversificación, así como por novas oportunidades de negocio e de emprego para a zona, xunto a Xagoaza Inversiones.

 

Xente de Cedie nunha imaxe antiga./ Foto cedida.

 

Nese marco, nesta pasada semana comezaban os traballos de derrube de parte das súas vellas construcións, de zonas como a cantina, o hotel de dirección, as casas dos técnicos e os químicos, etc. A maior parte das casas dos traballadores xa se tiraran antes. Cada unha delas estaba chea de pequenas historias, de multitude de lembranzas para as numerosas persoas que ao longo das décadas estiveron vencelladas a esta zona do Barco, da avenida de Galicia ata o inicio da avenida Conde Fenosa.

O que si se prevé manter, coa idea dunha futura musealización, é a antiga zona industrial de Cedie, que abrangue uns 14.000 m2, tal e como anunciaban no outono do 2019 o Concello do Barco, xunto a Xagoaza Inversiones.

 

Imaxe da nova rotonda do Barco, xunto á construción que albergou a igrexa e a escola de Cedie./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Esta intervención nas construcións ligadasa Cedie marca un cambio na historia da vila, un novo paso do que se esperan novas oportunidades e unha nova actuación urbanística no Barco.

Aínda así, co derrube destas casas vaise unha parte da historia local e da memoria recente do Barco, tal e como reflexan no grupo de Facebook “Gente de Cedie”, pero que aínda manteñen vivas as xentes ligadas a elas. “Péchase un ciclo, quedémonos coas lembranzas, as experiencias e as risas”, aseguran.

Fotos da galería: A. Prada Marcos e do facebook Gente de Cedie. As catro últimas son de Carlos G. Hervella.

https://www.facebook.com/groups/553520181418506/

Artigos relacionados

Back to top button