OurenseÚltima hora

Desarticulada unha organización criminal de ámbito nacional dedicada ao tráfico de drogas con 7 puntos de venda en Ourense e Vigo

Hai sete detidos e o prezo aproximado da droga incautada alcanza os 172.000 euros

 

Dende febreiro levaba en marcha a denominada operación Justel-Casablanca, tras terse coñecemento de posibles implicacións de persoas de nacionalidade marroquí, con residencia en Ourense, que formaban parte dunha organización criminal dedicada a introducir haxix no territorio español dende Marrocos. Como resultado desta operación vén de deterse a sete persoas, tamén se incautou drogas, armas, teléfonos móbiles, útiles para a manipulación de drogas e diñeiro en efectivo, segundo se informa dende a Dirección Xeral da Garda Civil OPC Comandancia de Ourense.

Esta operacióni levouse a cabo conxuntamente polo Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil de Ourense, Grupo de Estupefacientes da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ourense e a Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira da AEAT na provincia.

O modus operandi consistía en introducir a droga en españa e almacenala temporalmente en Cádiz e Málaga para, posteriomente, trasladala a Ourense e Vigo en vehículos, que tiñan sido modificados con dobres fondos para ocultar a droga. Utilizaban os condutos do aire acondicionado, os ocos dos airbags e os tapizados interiores, segundo informa a Garda Civil. Despois distribuíana en sete puntos de venda en Ourense e Vigo.

O día 22 de xuño organizábase, segundo a Garda Civil de Ourense, un dispositivo policial conxunto nas provincias de Málaga e Sevilla, no que foron detidas tres persoas e incautados 25 quilos de haxix. De forma simultánea era detido en Vigo o destinatario final da droga.

 

 

O 27 de xuño continuábase coa segunda fase da operación, na que foron detidas outras persoas integrantes do grupo cuxas funcións estaban relacionadas co almacenamento e distribución das substancias estupefacientes: unha muller paraguaia veciña de Ourense de 33 anos, unha ourensá de 29 anos e unha veciña de Outomuro (Cartelle) de 47 anos.

Tras realizar cinco rexistros domiciliarios, autorizados polo xulgado competente, incautábanse as seguintes substancias e efectos: 250 dosis de cocaína, 28 quilos de haxix (2.800 bellotas), 2 pistolas, 1 revólver, 1 pistola eléctrica, 1 chaleco antibalas, 1 grilletes, básculas e útiles para a manipulación e preparación de drogas,  8600 euros en efectivo, 100 euros en moneda falsa, 16 teléfonos móbiles, 2 vehículos.

“Coa explotación desta operación conseguiuse desarticular unha organización criminal de ámbito nacional, na cal os primeiros integrantes residían en Ournse, e ao mesmo tempo desmantelar sete puntos de venda de droga ao menudeo en Ourense e Vigo”, sinalan dende a Garda Civil.

A todos os detidos imputáselles un delito contra a saúde pública/tráfico de drogas e ademais á veciña de Outomuro outro de tenencia ilícita de armas. O prezo aproximado da droga incautada alcanza os 172.000 euros. A operación, que está dirixida polo Xulgado de Instrucción número 2 de Ourense e coordinada pola Fiscalía Antidroga, continúa aberta e non se descartan novas detencións.

Fotos: Dirección Xeral da Garda Civil OPC Comandancia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button