OurenseÚltima hora

Desarticulada unha organización criminal dedicada ao contrabando de heroína, cocaína e haxix

Once persoas foron detidas en Ourense e Pontevedra como presunto autores dun delito de tráfico de drogas nunha operación conxunta da Policía Nacional, Garda Civil e Axencia Tributaria

 

Axentes da Policía Nacional, nunha operación conxunta coa Garda Civil e a Axencia Tributaria, veñen de desarticular un grupo criminal dedicado, presuntamente, ao contrabando de heroína, cocaína e haxix, e detiveron a once persoas como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas.

A operación iniciouse a principios do mes de xaneiro, ao ter coñecemento da existencia dunha organización criminal afincada nas provincias de Ourense e Pontevedra dedicada á importación de partidas de droga e á súa almacenaxe provisional en garaxes de seguridade para, posteriormente, ser distribuída a diferentes traficantes da zona. Durante os meses de xaneiro a marzo de 2021 realizáronse numerosos operativos conxuntos de vixilancia sobre algúns dos supostos membros da organización. Estas vixilancias permitiron a obtención de numerosos indicios delituosos, a identificación dos implicados e coñecer parte do modus operandi levado a cabo para materializar a súa actividade criminal.

O traballo operativo practicado e as diversas medidas de investigación solicitadas e autorizadas ao amparo do procedemento xudicial iniciado, así como outros datos obtidos a través da información de organismos de colaboración policial internacional, permitiron coñecer que esta organización dispoñía de varios vehículos que foran alterados para albergar “dobres fondos” ou “ caletas” para ocultar partidas de substancias estupefacientes e transportalas periodicamente por estrada ata Ourense. Estas substancias almacenábanse temporalmente en dous garaxes de seguridade da cidade, ata a súa posterior distribución en varios puntos de Galicia e León, tal e como informa a Policía Nacional. De igual modo, dispoñían doutros garaxes de seguridade en Ourense e Pontevedra para a custodia dos vehículos que utilizaban para os traslados.

No marco da investigación, “acreditouse que no funcionamento do grupo criminal estaban perfectamente compartimentadas e distribuídas todas as tarefas necesarias para materializar o tráfico e a distribución da droga. De forma periódica, varios membros da organización viaxaban a Madrid, Sevilla e Pontevedra para recoller a droga nos vehículos preparados, mentres que outros en funcións de “lanzadeira” e “ contravigilancia” asegurábanlles o traxecto ata os garaxes de Ourense, onde almacenaban e despois distribuían”, indica a Policía Nacional

Operación levada a cabo en tres fases

En primeiro lugar, procedeuse á detención en Ourense dunha persoa e á imputación doutras dúas, e, tras realizar un rexistro de entrada en varias prazas de garaxe, incautáronse 43.000 gramos haxix, 2.700 gramos de marihuana, un vehículo e numerosos efectos vinculados cos ilícitos descubertos (anotacións, teléfonos móbiles, básculas de precisión, envoltorios…).

Posteriormente, procedeuse á detención do xefe da organización e doutros dous individuos en Sanxenxo (Pontevedra), e incautáronse 5.500 gramos de heroína. Tamén se detivo en Ourense a outras dúas persoas, ás que, tras practicar rexistros en domicilios e garaxes, incautóuselles 229 gramos de heroína, 985 gramos de haxix, 3.200 euros, unha prensa hidráulica, unha envasadora, teléfonos móbiles e diversa documentación.

Nunha terceira fase, foron detidos dous individuos máis en Carballino (Ourense), cando transportaban 4.600 gramos de cocaína desde Pontevedra a Ourense, para a súa entrega a outros dous membros do grupo que foron detidos posteriormente. Realizáronse varios rexistros domiciliarios nos que se incautaron 15.000 euros en efectivo, un vehículo e diversos efectos e documentación relacionada coas operacións fraudulentas.

Os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución número dous de Ourense, que decretou o ingreso en prisión do xefe do grupo e doutros seis no Centro Penal de Pereiro de Aguiar (Ourense).

Artigos relacionados

Back to top button