ConcellosO BarcoÚltima hora

Descenso das infraccións penais graves no Barco durante o 2020

O alcalde do Barco e o subdelegado do Goberno en Ourense copresidían a reunión da xunta local de seguridade neste municipio

Publicidade
Un dos momentos da xunta local de seguridade do Barco.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, copresidían esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, celebrada de maneira telemática, na que se realizou unha análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

En materia de seguridade cidadá destacábase o descenso significativo das infraccións penais durante o ano 2020 con respecto ao ano anterior, destacando a diminución dos delitos graves e leves contra o patrimonio. Así mesmo, salientouse o incremento da actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados e o alto nivel de esclarecemento dos delitos.

Con respecto á cifra de infraccións administrativas, durante o ano 2020 no concello de O Barco de Valdeorras produciuse un incremento, motivado en boa medida polos supostos de incumprimento da normativa decretada fronte a COVID-19 que deron lugar a propostas de sancións administrativas.

O subdelegado do Goberno destacou que o índice de criminalidade neste concello é baixo e presenta unha tendencia á baixa con respecto a anos anteriores, o que implica que O Barco de Valdeorras segue a ser “un municipio seguro no que as administracións e as forzas e corpos de seguridade seguirán traballando para manter os niveis de seguridade acadados”.

 

Outra das imaxes desta reunió telemática, neste caso dende a Subdelegación do Goberno en Ourense.

 

Violencia de xénero e plan director

En canto aos datos presentados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indican un descenso do 22,22% dos casos activos no sistema VioGén en relación ás cifras aportadas na Xunta Local de Seguridade celebrada en 2020, pasando de 18 casos activos a 14. Deles, un presenta risco alto, tres risco medio, un risco baixo e nove risco non apreciado. Constátase que en todos os casos se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.

Con respecto ao seguimento dos casos activos, dez son asignados á Garda Civil e catro á Policía Local.

Acerca do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas informouse de que se están a retomar as actividades programadas nos centros escolares do municipio e, en canto a situación da pandemia o permita, incrementarase o número de charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, acoso escolar, violencia de xénero e prevención de condutas aditivas, entre outras temáticas.

Vixilancia para a prevención do tráfico e consumo de drogas nos centros educativos

Así mesmo, intensificaranse os dispositivos de vixilancia por parte da Garda Civil e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como detectar posibles puntos de venta e todo tipo de condutas violentas.

Artigos relacionados

Back to top button