CulturaCulturaÚltima hora

Descobren restos dunha muralla e de vivendas de hai 2.000 anos no Monte do Castelo (Vilar de Barrio)

Os novos achados confirman a extensión do xacemento arqueolóxico nunha superficie superior ás 15 hectáreas, obrigando a ampliar a súa área de protección no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia

 

Dende hai semanas no Monte do Castelo, no municipio ourensán de Vilar de Barrio, os técnicos da cooperativa Xeitura veñen realizado, ata o momento, seis sondaxes arqueolóxicas, catro de elas con resultados positivos. Nelas descubriron restos dunha muralla e vivendas con máis de 2000 anos de antigüidade, así como outro tipo de construcións e recintos sen paralelos en toda Galicia.

“Os nosos traballos centráronse en dúas partes claramente diferenciadas. A primeira delas correspondente á parte máis elevada do monte, onde localizamos parte dunha muralla ciclópea e cabanas circulares tipicamente castrexas. E por outra banda, aos pés mesmo deste castro, onde emerxe outro recinto monumental delimitado por un pequeno valado”, apunta o arqueólogo director da intervención Martiño Xosé Vázquez.

Se fascinantes son os materiais achados no poboado fortificado, que falan da integración do sitio nunha rede comercial co mediterráneo en época romana, non menos interesantes son os descubertos aos seus pés. Zona que atraería a atención dos investigadores Rebeca Blanco Rotea e Joâo Fonte, das universidades de Santiago de Compostela e Exeter (UK) respectivamente. “No ano 2018 realizamos unha prospección con técnicas xeoespaciais na contorna da hoxe extinta Lagoa da Antela e observamos que arredor do castro existía unha delimitación que parecía non ter que ver con este. A visita posterior ao lugar e as escavacións arqueolóxicas confirman agora a existencia dese recinto e todo un complexo sistema de construcións en materiais perecedoiros. Conxunto sen paralelos en Galicia que podería sacar á luz unha ocupación do sitio en época tardía e medieval”, afirma Rebeca Blanco Rotea.

 

 

De confirmarse esta hipótese Vilar de Barrio contaría cun dos xacementos arqueolóxicos máis excepcionais de toda Galicia, din os investigadores. “Formidable non só pola súa monumentalidade e singular localización, dominando os vales da Limia e Maceda, senón que tamén pola súa antigüidade e longa historia. Cunha ocupación continuada dende a Idade do Ferro ata época medieval”.

Precisamente co obxectivo de datar esas singulares estruturas, Jorge Sanjurjo do Grupo de Patrimonio Cultural e Xeolóxico da Universidade da Coruña, recollía esta semana abundantes mostras no lugar para obter a súa cronoloxía mediante o método da Luminiscencia Ópticamente Estimulada (OSL, polas súas siglas en inglés).

O alcalde de Vilar de Barrio Manuel Conde, fascinado por tan formidable achado, comprometeuse a seguir traballando na investigación e posta en valor do Monte do Castelo. “Este traballo vainos a permitir non só coñecer máis do pasado do noso municipio, senón que tamén crear un equipamento para toda a veciñanza e incluso un atractivo cultural e natural que poder ofertar a quen nos visita”.

Fotos: Xeitura Coop. Gal.

Artigos relacionados

Back to top button