Ourense

Descuberto un lagar rupestre entre os concellos de Ourense, Amoeiro e Punxín

Conserva a laxa granítica aplanada (de 5x5 metros) cun par de estipites rectangulares para sustentar a prensa

 

Dende a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego vén de informarse do achádego cun lagar rupestre situado na Golpilleira, entre os concellos de Ourense, Amoeiro e Punxín. “Grazas ás indicacións de Moncho Somoza, veciño de Santa Cruz de Arrabaldo, o noso asociado Javier Torres Suárez descubriu un novo lagar rupestre. Tralo achado, puxémolo en coñecemento da Delegación Provincial de Patrimonio, que procedeu ao seu inventario e catalogación coa nomenclatura GA32054077”, tal e como indican dende a entidade cultural, que o considera un descubrimento “moi importante para afondar na historia vitivinícola do Ribeiro”.

 

 

 

Este lagar conserva a laxa granítica aplanada (de 5×5 metros) cun par de estipites rectangulares para sustentar a prensa, cun rebaixe semicircular no que se asentaba o peso da prensa, un oco central para recoller as decantacións das filtracións da cuba, e unha canle verdedoiro que vai dar a unha pía rectangular de decantación, de 40 centímetros de fondo, tal e como se detalla dende a asociación. “Pegado á laxa hai unhas rochas altas e sobre elas un marco de termo, composto por unha cruz patada e tres iniciais (P,A,C) que corresponden cos tres concellos (Canedo pertence actualmente a Ourense)”, matizan dende esta entidade.

Tamén se indica dende a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego que resulta difícil datar o achado sen unha intervención arqueolóxica, “se ben a maior parte deles dátanse na Alta Idade Media, habendo outros da baixa romanidade e posterior. En canto ao marco, a tipoloxía gráfica permitenos situalo entre 1836 e 1943, data na que se anexiona Canedo a Ourense”.

Imaxes cedidas pola Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego.

 

Artigos relacionados

Back to top button