En portadaÚltima hora

Descubren en Casaio o maior conxunto de pintura esquemática prehistórica de Galicia

O achádego vén de facelo público o equipo de investigadores de Sputnik Labrego e Patrimonio SL, que xa puxeron en marcha unha proposta de proxecto integral e multidisciplinar para a documentación das pinturas así como para a prospección intensiva da zona, na busca de máis conxuntos
Idolo oculado. Foto de Spuntik Labrego. Tratamento dixital de Manuel Rey.

Estaban documentando restos da guerrilla antifranquista nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) e topaban cun valioso e sorprendente achádego: o maior conxunto de pinturas esquemáticas de época prehistórica no Galicia. Así o vén de facer público o equipo de Sputnik Labrego e Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL, que facían esta descuberta xunto con membros da Comunidade de Montes de Casaio.

O achádego produciuse no contexto do proxecto dirixido por Carlos Tejerizo (Instituto de Ciencias del Patrimonio, CSIC) e Alejandro Rodríguez (Universidade de Santiago de Compostela) relacionado ca análise arqueolóxica da guerrilla antifranquista e da minaría do volframio nesta zona valdeorresa. “No proceso de documentación dun chozo da guerrilla situado nun abrigo con condicións ideais para a presenza deste tipo de arte, revisamos a cavidade e observamos unhas pinturas que enseguida asociamos a momentos prehistóricos”, afirma Francisco Alonso, da empresa Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL, que colabora co proxecto Sputnik Labrego.

Rapidamente os investigadores avisaban “á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que confirmasen o achádego”. Nunha visita ao sitio producida esta semana, José Manuel Rey, especialista en arte rupestre e director do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campolameiro (Pontevedra), dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, confirmou a importancia do descubrimento.

“Nas primeiras visita localizamos polo menos unha quincena de pinturas de diferentes tipos, dende soliformes até o fantástico ídolo oculado, o primeiro documentado na Galiza”, en palabras de Francisco Alonso, “todo parece indicar que nos movemos nun horizonte Calcolítico polos paralelos coñecidos, mais que haberá que confirmar no futuro”.

 

Soliformes. Foto de Spuntik Labrego. Tratamento dixital de Manuel Rey.

 

O equipo de Sputnik Labrego, integrado por Mario Fernández (USC), Laura Martínez (Patrimonio Minero del Noroeste Peninsular) e Celtia Rodríguez (USC) xa puxeron en marcha unha proposta de proxecto integral e multidisciplinar para a documentación das pinturas así como para a prospección intensiva da zona, na busca de máis conxuntos.

“Todo parece indicar que non se trata dun único conxunto presente na paisaxe”, afirma Carlos Tejerizo. Este proxecto realizarase en colaboración ca Comunidade de Montes de Casaio. “Estamos moi agradecidos ás veciñas e veciños de Casaio, especialmente a Francisco Álvares e César Real. Sen o coñecemento exhaustivos do territorio por parte da comunidade local, tería sido imposíbel localizar este conxunto”, comenta o director deste proxecto.

Artigos relacionados

Back to top button