En portadaÚltima hora

Descúbrense dous novos edificios no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín)

Como remate da escavación está prevista o 19 de setembro unha visita guiada por grupos ao xacemento

 

Entra na súa recta final a segunda campaña arqueolóxica do equipo de Sputnik Labrego no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras), iniciada o 1 de setembro. Neste tempo realizaron intervencións en diversos espazos do asentamentos co fin xeral de afondar no coñecemento sobre o poboamento ao final do Imperio romano.

“Os resultados son moi interesantes e invitan a seguir traballando no sitio. O máis relevante é que o xacemento é moito máis complexo do que podíamos pensar nun inicio. Descubrimos alomenos dous edificios novos no xacemento e, na casa xa coñecida apareceron novas estancias. O xacementos do que se pensaba ata o de agora”, tal e como explica o director da intervención, o arqueólogo Carjos Tejerizo.

Ademais, ao longo destas semanas o equipo recuperaba un importante volume de material arqueolóxico que aportará moita información relevante sobre o este lugar valdeorrés. “Cerámicas, metais e moedas que nos permitiran entender mellor a vida cotiá deste asentamento entre os séculos IV e V”, comenta Celtia Rodríguez, co-directora da escavacion, “coma o ano pasado, recollimos un número elevado de diferentes mostras que aportarán novos datos sobre a paisaxe, a economía ou o comercio neste período”.

Como broche das escavacións desta campaña o equipo realizará unha visita guiada ao sitio o próximo 19 de setembro, a partir das 1h, con saída dende a praza de Valencia do Sil. Coma medida de seguridade, faranse grupos de 10 persoas para visitar as diferentes zonas escavadas do asentamento.

Esta escavación forma parte dun convenio asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Vilamartín de Valdeorras, que incluíu prácticas para estudantes do Mestrado de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade.

Foto: Alba Prada.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button