EditorialOpinión

Descubrindo a cervexa artesá

Internacionalización é algo máis que exportar. É tamén difundir a nosa cultura e o noso territorio no exterior. Hai xente que o fai a cambio de nada. Erwan Quintin é un deles (páxs. 12-13)

O movemento da cervexa artesá chega a Ourense. Está provincia é, xunto coa de Pontevedra, unha nas que máis está a prender en Galicia o interese por este tipo de elaboración, cuxos referentes en España son zonas como Cataluña, Madrid ou Levante. Din os seus elaboradores que as cervexas artesás non teñen nada que ver coas industriais. E esa diferenciación parte xa da materia prima coa que se fan e tamén se manifesta na súa elaboración. Defenden esa diferenciación, así como a súa calidade e o seu sabor e aroma, completamente distintos aos das industriais. Na provincia de Ourense hai media ducia de iniciativas empresariais que apostan pola cervexa artesá como actividade. Case todas están nacendo e están convencidas do potencial deste produto, aínda que tamén recoñecen que este sector necesita aínda certo percorrido. Para darse a coñecer saían á rúa do 20 ao 22 de setembro na capital da provincia no marco da 1ª Feira da Cervexa Artesá de Ourense. En torno a esta nova actividade centramos o tema de En Portada deste número de outubro.

Cruzamos tamén as fronteiras galegas para coñecer o mundo da música tradicional bretoa, en terras francesas. Descubrimos as conexións coas melodías galegas a través de Erwan Quintin González, un violinista de pai bretón e nai de Cubeiros (Manzaneda). Forma parte de diversas formacións, entre elas Kafe Koefet, coa que vén de publicar o traballo “Lak un’all” (“Outra máis”).

Outubro é tamén un mes ligado á vendima. E tamén damos conta das labores de colleita que se están a desenvolver nas catro denominacións de orixe ourensás (Valdeorras, Ribeiro, Monterrei e Ribeira Sacra), pero sen esquecer que tamén comeza a campaña de castañas. E sobre este sector falamos co valdeorrés Francisco Barredo, que preside a Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia (Proagrosilga) e que vén de participar a mediados de setembro no IV Encontro Europeo da Castaña, celebrado en Bolonia (Italia).

Tamén nos detemos no apartado deportivo cun monográfico adicado ao atletismo e ao ciclismo na provincia e con entrevistas como a realizada ao deportista español con máis metais olímpicos, David Cal, que atendeu ao Periódico O Sil tras participar no Descenso do Sil, no Barco. Tampouco falta nesta edición un apartado de festa con algunhas das celebracións máis destacadas outono na provincia.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button