ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Descubrindo o mundo dos Tamagani na Biblioteca de Verín

Esta instalación cultural acolle un ciclo temático adicado a esta tribu prerromana que inclúe unha exposición e dúas conferencias

Milleiros de anos atrás viaxa a exposición que ata o vindeiro 10 de novembro poderá visitarse na Biblioteca Municipal de Verín. Achega os costumes, forma de vida, vestimenta, útiles, ritos e crenzas dos antigos habitantes das tribus prerromanas desta zona. Trátase de “Unha viaxe á Galicia dos Tamaganos”, unha mostra elaborada ex profeso por Paco Boluda e Xavier Bobillo.

Inclúe diversas ilustracións (de Boluda) e tamén unha serie de instrumentos propios da vida cotiá dos Tamagani, aportados por Bobillo. Coa súa inauguración, na tarde do 30 de outubro, abríase o ciclo temático “Heroes, Mitos e Deuses de Galicia”, que promove a biblioteca en colaboración coa Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).

Ademais o ciclo inclúe dúas conferencias, a primeira das cales tiña lugar coincidindo coa apertura da mostra. O seu título era “Tamagani, a Galicia que puido ser, e a que foi” e tamén corría a cargo de Paco Boluda, escritor, ilustrador, historiador e restaurador do museo arqueolóxico. A través da súa obra plástica explicaba como eran os membros deste pobo. Estaba acompañado por Miguel Losada, historiador e secretario da SAGA.

Está prevista unha segunda conferencia ás 19:30h. do 31 de outubro. Será impartida tamén por Miguel Losada, quen ofrecerá aos asistentes unha visión sobre as crenzas dos antigos poboadores de Galicia.

Fotos: Biblioteca Municipal de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button