CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Descubrindo o son e o engado das “Gaitas Primitivas” en San Xoán de Río

Esta mostra, cun carácter dixital e interactivo, poderá visitarse ata o vindeiro 15 de setembro

 

A historia a través da música e as novas tecnoloxías entrelazábanse nunha singular exposición que poderá visitarse ata o vindeiro 15 de setembro en San Xoán de Río: “Gaitas Primitivas”. O acto inaugural desta mostra (pertencente á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e cedida por Xosé Lois Foxo) desenvolvíase na tarde deste mércores 15 de xullo e nela non faltaban as actuacións musicais da gaiteira Ari Pérez e das cantereiras Blandina de Cotarós, Digna de Vilanova, e Fiuca de San Fiz, que interpretaban o Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terras de Trives.

Durante a inauguración interviñan o director da Real Banda de Gaitas de Ourense, Xosé Lois Foxo; do alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; da alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez; do alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez; ou a do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.

“As zonas do mundo máis avanzadas son as que apostan pola súa cultura e están orgullosas das súas raíces. Como galegos, a gaita é algo máis que un instrumento musical, o noso carácter e a nosa forma de ser está relacionada co seu son, unha expresión cultural da que debemos coñecer a súa historia, ver o importante que foi sempre na nosa vida e seguir traballando para que as vindeiras xeracións aposten por este instrumento musical”, en palabras do rexedor de San Xoán de Río.

Unha mostra tamén “dixital e interactiva”

Esta colección de instrumentos poderá visitarse en Río ao longo de dous meses. O horario para facelo será de 10:00h. a 14:00h. e de 16:30h. a 19:30h. Para outros horarios ou fins de semana deberá reservarse visita a través do teléfono ou email do concello de San Xoán de Río debido á situación do COVID-19.

Por primeira vez este tipo de exposicións farase dun xeito “dixital e interactivo, porque a nosa cultura e as novas tecnoloxías deben ir da man para que o visitante teña unha mellor experiencia á hora de desfrutar desta colección”, destaca Xosé Miguel Pérez Blecua.

Cada unha das pezas expostas contará cun código QR no que o visitante poderá, por unha parte, escoitar as explicacións sobre o instrumento a través dunha audioguía (en galego, castelán ou inglés) e ademais terá un vídeo no que verá como se toca ese instrumento e escoitará o son que ten (un dos exemplos: https://gaitasprimitivas.com/ney-amban/ ).

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button