En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un desfile pasado por auga, na Veiga

Cinco folións e catro comparsas percorrían a vila na mañá do Martes de Entroido baixo unha intensa chuvia

Nin a incesante chuvia, nin a neve, nin o frío, impediron que A Veiga celebrase o seu desfile de Entroido tal como estaba previsto. De feito, foi dos poucos concellos que non o suspendían, aprazaban ou cambiaban de ubicación e, pasadas as doce e media do martes, 13 de febreiro, os participantes comezaban o percorrido dende a zona escolar.

Aínda que minguados e con moitos dos bombos protexidos con plásticos, os folións mantivéronse fieis á cita co Entroido na Veiga. Os primeiros en saír eran os de Fornelos de Filloás e de seguido o Folión Terras do Bolo, o de Chandrexa de Queixa e o de Penouta e Ramilo. Entre medias, varias comparsas: as Mulleres Rurais da Veiga, Candea de Viana, o Orfeón Vianés e o colexio. E pechando a comitiva, coma sempre o anfitrión: O Fulión da Veiga guiado polos Charrelos (dous adultos e varios infantís) e acompañado polos Bois.

Tralo desfile, tiña lugar unha nova edición da Festa da Soá no pavillón de deportes Terras de Trevinca.

Máis fotos: https://osil.info/unhas-500-persoas-asisten-xiv-festa-da-soa-na-veiga/

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button