En portadaÚltima hora

“Despois de todo, mereces un respiro”, nova campaña do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

Vai dirixida ao público galego e o seu obxectivo principal é que este territorio sexa "unha opción preferente a ter en conta para este verán"

Imaxe da páxina de inicio do portal desta nova campaña do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

 

“Despois de todo, mereces un respiro”. Esta é a mensaxe principal que actuará de paraugas de todas as accións de carácter promocional e comercial da nova campaña lanzada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Esta iniciativa porase en marcha dende mañá e durante as próximas semanas por parte deste organismo.

“Inicialmente centrarase en mensaxes patrocinadas que conviden a visitar o xeodestino a través de soportes on-line, fundamentalmente. Pretende ser un primeiro efecto chamada tendo en conta que o máis probable é que a partir do luns se permita a mobilidade entre provincias para Galicia. Esta primeira parte da campaña centrarase en pequenas accións publicitarias segmentadas a través de redes sociais e outras de carácter complementario”, tal e como se indica dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

O groso da campaña será o portal de experiencias https://merecesunrespiro.com/. “Mañá venres ese portal estará operativo, pero, polo momento, amosará algunhas das imaxes da campaña e un enlace á páxina de información turística. Ao longo do día de hoxe faranse algúns axustes no mesmo”, matizan dende o consorcio.

 

 

Este soporte dará cobertura ás propostas máis orixinais e adaptadas a unha nova demanda. Nelas traballan dende o sector privado cun alto nivel de compromiso.

Deste xeito, Ribeira Sacra será un dos primeiros xeodestinos de Galicia en iniciar unha campaña despois da declaración do Estado de Alarma dirixida ao “público galego e co obxectivo principal de que Ribeira Sacra sexa unha opción preferente a ter en conta para este verán”.

Artigos relacionados

Back to top button