OurenseÚltima hora

Destácase a figura de Florencio Delgado na celebración do Día Mundial da Poesía na Insua dos Poetas

O acto incluía un recital de poemas deste autor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022 e a plantación dun ombú, árbore simbólica da Pampa

Publicidade

 

A Insua dos Poetas, no Carballiño, acollía neste luns na celebración do Día Mundial da Poesía, onde se destacaba ao valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán “como un poeta senlleiro na longa tradición literaria galega, que ten importancia polo seu amplo cultivo da poesía ao longo de séculos”. Así o apuntaba no acto o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, lembrando que a este autor, natural de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. Neste acto tamén participaban o secretario xeral de Política Lingüística, o presidente da Deputación, o delegado da Xunta en Ourense e os rexedores do Carballiño e de Boborás, entre outras autoridades. Participou tamén alumnado dos centros IES No1 do Carballiño, IES Chamoso Lamas do Carballiño, Colexio Vila do Arenteiro, Colexio Sagrado Corazón, CEIP Calvo Sotelo, CEIP Uceira, CEIP Maside, CEIP Boborás, CEIP O Irixo e alumnado do IES O Castro, de Vigo.

Manuel Baltar iniciou o acto parafraseando a Ramón Piñeiro: “Como dicía no seu ensaio ‘Olladas no futuro’, a poesía na lingua propia foi e será sempre a mellor maneira de adentrarse e de comprender a fonda significación de Galicia, o seu se espiritual”. O presidente da Deputación remarca que, na liña de pensamento de Piñeiro, o acto desta mañá xunta “os tres elementos esenciais da identidade galega”: “Unha natureza ben definida, un país, un pobo, as nosas xentes -en especial os máis novos, o verdadeiro futuro- e unha nación cultural con idioma propio, a lingua que nos distingue e caracteriza, a fala na que cantaron e seguen a cantar os nosos poetas”.

Ademais Baltar repasou as raíces do galeguismo, representado na tradición literaria galega con fitos coma a Xeración Nós, un pilar do goberno provincial de Ourense manifestado con actos coma o “Manifesto do Irixo”, o compromiso asinado o pasado ano lembrando os pasos de Ramón Otero Pedrayo, López Cuevillas ou Vicente Risco. “Hoxe lembramos, polo moito que significan, os acentos de milleiros e milleiras de ourensáns e ourensás, que alentaron á fala propia nos seus fogares e nos seus traballos, nas súas vidas, dentro e fóra de Galicia, alí a onde levasen os sábregos ventos da inmigración”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense, que destaca que “a lingua propia, como establece o Estatuto de Autonomía, constitúe a chave da identidade de Galicia, por iso dende a peculiaridade ourensá, a ourensanía, un sentimento que transcende límites administrativos e non entende de fronteiras, algo que nace connosco e que permanece, comprometémonos a apoiar cantas medidas sexan necesarias para lograr un maior pulo normalizador que incida no emprego da lingua galega a todos os niveis”.

Así mesmo quixo reivindicar o futuro da poesía: “É a expresión da liberdade, pero tamén pode ser lirismo puro, sátira, humor, crítica e denuncia social, exaltación da natureza, canción de amor ou desamor e outras moitas formas de sentimento. A poesía procura a verdade, e dende a música da palabra, segue a ser útil e válida no tempo presente por moi convulso que nos pareza. A poesía perdurará, por iso seguiremos celebrándoa cada 21 de marzo”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura salientou a visión de Delgado Gurriarán, “un home que entendeu a importancia da poesía como un instrumento de democratización das voces populares e, ao mesmo tempo, como unha salvagarda da memoria común de todo o pobo galego”. “Todo isto posibilítao a poesía: a preservación do patrimonio cultural dun pobo, pero tamén o seu patrimonio emocional”, engadiu.

Román Rodríguez quixo tamén facer fincapé no dinamismo da poesía galega, ”un xénero vivo coa publicación de preto dun cento de novidades editoriais cada ano na nosa lingua”.
Destacou que nestes “momentos convulsos, é máis necesario que nunca apoiar todas as manifestacións artísticas e poñer en valor o seu compoñente emocional”. Un apoio que, como indicou, está a realizar a Xunta de Galicia desde diferentes iniciativas como certames, premios e festivais líricos por toda a Comunidade.

 

 

Recital con escolares

Na conmemoración do Día Mundial da Poesía, establecido pola Unesco en 1999, na Insua dos Poetas participaron tamén o presidente da Fundación Insua dos Poetas e do Centro Pen Galicia, Luís González Tosar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras autoridades.

No transcurso do acto, realizouse unha conexión cos muralistas Mon Devane, Diego As e Lidia Cao e oito escolares recitaron poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Ademais, incluíu o espectáculo de poesía, música e danza Cantares Transhumantes, de Mirian Sandoval, e unha homenaxe ás letras arxentinas coa plantación dun ombú, árbore simbólica da Pampa.

Rosalía de Castro en Madrid

Tamén co gallo do Día Mundial da Poesía e, aproveitando a coincidencia coa celebración do Día da Árbore, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa este serán no Real Xardín Botánico de Madrid na mesa redonda A imaxinación botánica das escritoras do século XIX, enmarcada na exposición O herbario de Rosalía de Castro: Nasín cando as prantas nasen que, desde o 18 de febreiro e ata 27 deste mes, acolle o Invernadoiro dos Bonsais da dita institución co apoio da Xunta.

A mesa redonda, presentada pola profesora Pura Fernández, centrarase na análise da natureza en escritoras do século XIX e contará coa participación de Catherine Davis, Solange Hibbs e María López Sández. As intervencións centraranse, respectivamente, nas obras de Gertrudis Gómez de Avellaneda, Rosario Acuña e Rosalía de Castro. Ademais, o presidente da Casa Museo Rosalía de Castro, Anxo Angueira, doará ao Xardín Botánico unha filla da figueira de Rosalía, que permanecerá albergada neste baixo unha placa conmemorativa.

Artigos relacionados

Back to top button