En portada

Destino de natureza e deporte

Ourense conta cun amplo abano de posibilidades en turismo activo, nalgúns casos aínda por desenvolver
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

A natureza é un dos principais atractivos de Galicia. Tamén da provincia de Ourense, cunha gran diversidade paisaxística e que conta con tres dos seis parques naturais existentes na comunidade: a Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), o Invernadeiro (Vilariño de Conso) e o da Baixa Limia Serra do Xurés (o máis grande de Galicia e que se estende por varios concellos). E iso sen esquecer zonas de indubidable valor ecolóxico, faunístico e ambiental como o Macizo Central ou Trevinca, entre outras moitas.

Todas elas constitúen un reclamo para a práctica de actividades como o sendeirismo ou a orientación, que forman parte do denominado turismo activo. Está considerado unha forma diferente de viaxar, divertida, e en ocasións emocionante, que permite desfrutar do contacto coa natureza levando a cabo diversas actividades ao aire libre como as rutas a pé, pero tamén as ecuestres ou en bicicleta, o piragüismo, a escalada, o paintball, o tiro con arco, a espeleoloxía, etc. Aquí é clave a iniciativa do sector privado para impulsar a creación e posta en marcha dunha oferta de turismo deste tipo.

Na provincia de Ourense hai unha vintena de empresas de turismo activo, segundo a web do Inorde-Padroado Provincial de Turismo (http://turismourense.es). “Nela tratatamos de reunir información actualizada sobre as ofertas das empresas ourensás”, explican dende o organismo provincial. Ademais inciden en que a información que máis lles demandan, sobre todo a través das redes sociais, é a relativa a temas de turismo activo. “Todo o que é actividades de aventura, de ciclismo e de sendeirismo é o que máis se pregunta e se comparte. E, no caso do verán, o vencellado a espazos naturais con auga, como é o caso de fervenzas”.

Dentro desa oferta ourensá sobresae a do complexo turístico da Estación de Montaña Oca Nova Manzaneda, que ademais dende o ano 2011 conta coa “Q” de Calidade en Turismo Activo, distintivo que concede o Instituto para a Calidade Turística Española. No inverno a neve é o produto estrela da única estación de montaña galega, sen embargo, no verán o público achégase para desfrutar de múltiples deportes: natación (en piscina cuberta e climatizada), tiro con arco, escalada (rocódromo), baloncesto, balonmán, fútbol sala, karts, cabalos, golf (en campo rústico), tenis, bicicletas de montaña, bike park, sendeirismo, orientación, tiro con arco, etc. E todo iso nun entorno de montaña engaiolante e salpicado de restos glaciares. Ademais neste verán a estación, cunhas instalacións renovadas, reforzará estas actividades cun parque multiaventura que incluirá unha tirolina xigante de 250 metros. O complexo dispón asemade de diversas ofertas para familias, excursións, grupos escolares e, a partir de setembro, terá un programa senior.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A información íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button