CulturaCulturaÚltima hora

Desvélase a localización do castelo medieval de Cabreira, situado no Pozo do Demo

O Concello de Verín anuncia que no 2020 realizarase unha intervencion arqueolóxica neste xacemento

 

As evidencias materiais do chamado castro das Quintas coinciden coas trazas dunha fortificación medieval que non pode ser outra que o Castelo de Cabreira. Trátase dunha edificación relacionada coa rede de fortalezas do entorno do século X que, xunto co Castelo de Lobarzán, configuraron a rede de poboamento e urbanismo primixenio do Val de Monterrei. Así se daba a coñecer na mañá do 5 de novembro no Museo Claustro Mercedario de Verín nun acto no que participaban investigadores da Universidade de Vigo e representantes do Concello de Verín.

Nesta presentación contábase coa decana da Facultade de Historia do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Susana Reboreda; con Beatriz Comendador, coordinadora e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e profesora de Prehistoria da Universidade de Vigo; Víctor Rodríguez Muñiz, arqueólogo e membro da área de Historia Medieval da Uvigo; Nieves Amado Rolán, arqueóloga e investigadora; Andrés Diz Domínguez, estudante de grao en Xeografía e Historia da Uvigo; e máis o alcalde e o tenente de alcalde de Verín, Gerardo Seoane e Diego Lourenzo, respectivamente.

A zona na que se produciu o achado, denominada o Pozo do Demo, é ademais unha impresionante paraxe natural, con mestura de vexetación autóctona mediterránea e atlántica, un lugar de ocio e sendeirismo usado polos veciños de Verín e contorna como área de recreo, cunha forte implicación emocional.

Séculos atrás, a terra de Baroncelli estaba dividida nas subterras de Cabreira, Lobarzana e Souto Vermud, vertebradas por dous castelos: os de Cabreira e Lobarzán. Na historiografía da comarca de Monterrei, o Castelo de Cabreira ou Capraria, contaba con moi poucas citacións, sendo un gran descoñecido para a poboación da bisbarra, e moito menos coñecido que o de Lobarzán.

O grande movemento asociativo e cultural da comarca nos últimos anos e a curiosidade de coñecemento da mesma, incitou a varias persoas á busca dos restos do descoñecido castelo da Cabreira. Así foi como os veciños da comarca, membros de varios colectivos culturais, Andrés Diz Domínguez (estudante de Historia da UVIGO) e Nieves Amado Rolán (arqueóloga) se implicaron activamente na busca do castelo, e despois de moitas visitas a lugares diferentes, durante varios anos, concluíron que as evidencias materiais do castro das Quintas coincidían coas de unha fortificación medieval que non podía ser outra máis que o Castelo de Cabreira.

Xa neste ano de 2019, durante as prospeccións levadas a cabo no proxecto do Castelo de Lobarzán, o arqueólogo Víctor Rodríguez Muñiz, acompañado polos mesmos, tamén confirmou a localización do Castelo de Cabreira no Pozo do Demo.

As evidencias materiais do castelo son escasas, pero o seu emprazamento é impoñente na paisaxe de rochedos descarnados de granito. Tería defensas naturais polos catro puntos cardinais, sendo máis feble polo sur, mentres que polo norte e leste o formidable e profundo canón do regato das Quintas resulta inexpugnable, así como polo oeste, coa vertente de altísimos escarpas, controlando a vista de todo o val de Monterrei case ata o Val de Laza. Controlaría o territorio ao norte, leste e oeste, mentres que ao sur estaría tapado e resgardado polo Monte Maior. Neste senso pode dicirse que “está onde tiña que estar”, xa que as terras ao sur do castelo de Cabreira estaban inseridas na terra da Lobarzana, e por tanto capitaneadas polo veciño Castelo de Lobarzán.

Tanto Diego Lourenzo como Gerardo Seoane destacaron a importancia deste descubrimento que mostra a “historia do noso val, axúdanos a comprender a importancia xeográfica e política que representaba esta zona e nos permite dar a coñecer algo que forma parte da nosa identidade e de nós mesmos”. O alcalde xa anunciou que o Concello de Verín realizará o vindeiro ano unha intervención arqueolóxica, en colaboración coa Universidade de Vigo, baixo o amparo do actual convenio marco entre as dúas institucións, co obxectivo de investigar e coñecer mellor estas evidencias arqueolóxicas, e valorizar o conxunto.

Fotos: Concello de Verín.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close