ConcellosÚltima hora

Detectan larvas de Trichinella nunha mostra de xabarín analizada no Barco

A carne deste animal, cazado en Fervenza (O Barco), foi analizada pola Clínica Veterinaria Valcán
Imaxe de microscopio da larva da Trichinella, dentro do quiste de carbonato cálcico que a protexe./ Foto: Clínica Veterinaria Valcán.
Imaxe de microscopio da larva da Trichinella, dentro do quiste de carbonato cálcico que a protexe./ Foto: Clínica Veterinaria Valcán.

Non é habitual, pero a triquinose pode aparecer e consumir a carne infectada por ela ten consecuencias graves para a saúde. Na Clínica Veterinaria Valcán do Barco analizaban recentemente unha mostra de carne de xabarín na que se detectaban larvas de Trichinella. “É moi raro diagnosticala. Dende que abrimos a Clínica eu só a vira unha vez, foi o ano pasado e na carne dun xabarín cazado en Burgos, pero nesta ocasión estamos falando dun xabarín cazado moi preto de aquí, na zona de Fervenza. O peculiar desta mostra é que é unha infestación masiva, hai moitísimas larvas de Trichinella e, con tal cantidade, se unha persoa consume esta carne pode morrer”, explica Jorge Nieto, veterinario de Clínica Valcán.

Cando alguén inxire a carne infectada o que acontece é que “as enzimas dixestivas rompen un quiste que teñen as larvas e éstas chegan á circulación sanguínea e, ao ser un número tan elevado, pasan ao corazón e poden provocar un colapso cardíaco”, continúa o veterinario.

Unha das larvas de Trichinella da mostra de carne analizada no Barco./ Foto: Clínica Valcán.
Unha das larvas de Trichinella da mostra de carne analizada no Barco./ Foto: Clínica Valcán.

Este tipo de situacións de risco alimentario poden evitarse levando a carne de porco ou de xabarín a analizar a un veterinario. “A triquinose parece una enfermidade un pouco abstracta, da que se fala porque se debe levar a analizar as mostras de carne, pero neste caso vemos que existe e que foi diagnosticada aquí, nunha zona moi próxima ao Barco”, sinala Jorge Nieto.

Artigos relacionados

Back to top button