OurenseÚltima hora

Detida a nai do bebé que apareceu en setembro nun contedor en Ourense

Á muller, de 29 anos e veciña de Ourense, se lle imputa un delito de asasinato en grao de tentativa
O pouco tránsito da rúa Río Bibei dificultou a investigación á hora de buscar testemuñas.

Os axentes da Policía Nacional detiveron hoxe, 15 de novembro en Ourense, á nai do bebé abandonado nun contedor o pasado 17 de setembro na rúa Rio Bibei, na capital. Segundo apuntan fontes policiais, á muller, de 29 anos e veciña de Ourense, se lle imputa a autoría dun asasinato en grao de tentativa.

A investigación policial arrancou o propio día do achado do bebé cando unha parella comunicou á sala do 091 que atoparan ao meniño do contedor. Asemade, tamén colaborou o responsable dun bar das proximidades. Os tres prestáronlle as atencións necesarias até a chegada dos axentes ao lugar.

Tras coñecerse o achado, a Comisaría de Ourense personouse no lugar do feitos cunha dotación de Seguridade Cidadá e un equipo de Policía Xudicial. Logo diso, un equipo da Policía Científica personouse para realizar unha inspección ocular. Por outra banda, as outras unidades buscaron posibles testemuñas. Os axentes tamén atoparon dentro do contedor unha bola de lixo pechada que contiña prendas téxtiles cheas “co que parecían restos orgánicos dun parto natural”, aseguran fontes policiais.

Pola súa banda, o Grupo da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Comisaría de Ourense inicia as primeiras investigacións. As dificultades coas que se atoparon os axentes á hora da investigación foi que o suceso prodúxose un domingo pola tarde nunha rúa moi pouco transitada da cidade “polo que non resultou sinxelo atopar testemuñas”, aseguran.

Por este feito elaborouse unha investigación policial na cal solicitaron a colaboración cidadá, “dado que un embarazo non pode pasar facilmente desapercibido na contorna da nai”. Tamén solicitaron a colaboración do CHUO para que lles facilitase un listado das mulleres embarazadas nos últimos meses. Finalmente, os axentes conseguiron dar coa muller, que foi detida hoxe e polo momento non puideron confirmar cando pasa a disposición xudicial.

Artigos relacionados

Back to top button