OurenseÚltima hora

Detido en Ourense un presunto autor dun delito de maltrato animal e danos

O subdelegado do Goberno subliña o labor e colaboración da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Local de Ourense

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacaba esta mañá a colaboración dos axentes do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Comandancia da Garda Civil en Ourense, da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Policía Nacional e da Xefatura de Policía Local da cidade nas Operacións Inu e Alfinete polas que se procedeu á detención dun varón como presunto autor dun delito de maltrato animal e danos o pasado 6 de novembro.

O subdelegado do Goberno subliñou que foron máis de catro anos dun laborioso operativo das forzas e corpos de seguridade. “Para chegar aquí foi fundamental o traballo minucioso da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Local, que demostraron absoluto rigor e profesionalidade desde que se tivo coñecemento dos primeiros casos”, destacou Emilio González.

“Co esclarecemento destes feitos péchase un ciclo de investigación que creou unha alarma social entre os propietarios dos cans e na cidadanía ourensá en xeral pola extensión no tempo e debido a que actuaba de forma esporádica, factores que dilataron as investigacións”, sinalou o subdelegado do Goberno.

Dende o ano 2017 as Forzas e Corpos de Seguridade teñen coñecemento de varios delitos de malos tratos animais e danos, trala recepción en dous bares do barrio do Vinteún en Ourense de dúas cartas ameazando aos propietarios por permitir a entrada de cans nos seus locais. Posteriormente, desde 2019 aparecen en diferentes rúas da zona anacos cárnicos con alfinetes e en 2020 tense coñecemento do falecemento dun can, tras inxerir un dos cebos.

Desde setembro de 2021 establécese un dispositivo conxunto dos tres corpos efectuando vixilancias centradas nas fins de semana, momento no que adoitaban aparecer os cebos, dando como resultado a detención dun home como presunto autor dun delito de malos tratos animais e danos o pasado 6 de novembro, sorprendido “in fraganti” lanzando no parque Sánchez Arteaga 18 cebos.

Artigos relacionados

Back to top button