OurenseÚltima hora

Detido na A-52 o condutor dunha furgoneta que cuadruplicaba a taxa de alcoholemia

Unha patrulla do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense detectábao mentres circulaba á altura de Allariz

 

Con ocasión da comisión dunha infración ao Regramento Xeral de Circulación, unha patrulla de servizo do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense detectaba ás 8h. deste xoves 9 de xaneiro a unha furgoneta circulando pola A-52 (Benavente-Porriño, en sentido Porriño) no termo municipal de Allariz, cuxo condutor, despois de ser sometido ás probas de alcoholemia, cuadriplicaba a taxa establecida.

Segundo informa a Garda Civil, “o condutor, Tomasz B., de nacionalidade polaca e sen domicilio coñecido en España, arroxaba un resultado positivo de 0,99 mg/l na primeira proba e de 1,10 miligramos de alcohol por litro de aire espirado na segunda, sendo constitutiva dun presunto delito contra a seguridade vial, penado con prisión de tres a meses ou coa multa de seis a doce meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días e a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores de un a catro anos; polo que foi detido e posto a disposición xudicial”.

O detido realizaba un transporte de mercadorías dende Polonia e o seu destino era Vigo. Procedíase tamén á inmobilización do seu vehículo e a da mercadoría, ao non haber outro condutor que se fixese cargo do mesmo.

Dende o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense apélase “á concienciación dos condutores, ante as graves consecuencias que se poden derivar do consumo de alcohol á hora de conducir”.

 

Artigos relacionados

Back to top button