OurenseÚltima hora

Detido por atracar dúas tendas na Ponte a punta de pistola e roubar nunha 400 euros

O suposto atracador detido asegurou ser o autor dos feitos e que, ao verse acosado polo dispositivo policial, tirou a arma ao río Miño
Os atracos foron na rúa Ribeira de Canedo e nas proximidades. 

A Policía Nacional detivo hoxe, 14 de xuño, a un home ao que se lle imputan a autoría de dous roubos con intimidación con armas de fogo na Ponte. Ao detido, de 41 anos e veciño de Ourense, cónstanlle 11 detencións anteriores, segundo fontes policiais.

Os feitos que motivaron a detención deste home ocorreron o pasado sábado, 10 de xuño, sobre as 20:00 horas cando a sala do 091 recibe a alerta por parte dunha clínica situada na rúa Ribeira de Canedo, na Ponte. A Policía Nacional asegurou que a responsable da clínica asegurou “ter sufrido un atraco a punta de pistola”. A responsable asegurou que o individuo entrou no negocio e a encanonou coa arma á altura do peito, mentres lle pedía os cartos, momento no que apareceu o seu marido e o atracador marchara sen levar nada.

Pero, minutos despois, o 091 recibe outra alerta por atraco a punta de pistola nun negocio nunha zona próxima ao atraco en Ribeira de Canedo. Ao parecer, segundo informan fontes da Policía Nacional, o individuo introducírase dentro do mostrador onde traballa a segunda muller que deu a alerta e apuntouna no estómago esixíndolle que abrise a caixa rexistradora. Como a muller temía pola súa vida, entregoulle o contido da caixa, que ascendía aos 400 euros.

Chegados a este punto, dende a Comisaría de Ourense estableceron un dispositivo de peche con todos os efectivos en servizo “coa fin de localizar e deter ao individuo en cuestión e pór fin á súa actuación delictiva dado que a mesma xerou enorme alarma social entre os veciños do barrio da Ponte”, apuntan fontes policiais.

O Grupo de Investigación da Comisaría de Ourense (UDEV) fíxose cargo da investigación procedendo á localización e detención do autor dos feitos na mañá do 13 de xuño, e o trasladaron a dependencias policiais.

Dende a Comisaría apuntan que, pese a recoñecer a súa participación nos feito, “non foi posible recuperar a arma que portaba, dado que manifestou que, ao verse acosado polo despregamento policial na Ponte, decidiu desprenderse da mesma” botándoa ao Río Miño.

Dende a Comisaría apuntan que continúan coas xestións para poder localizar a pistola e evitar que poida ser usada por outros en feitos delictivos.

 

Artigos relacionados

Back to top button