ConcellosÚltima horaVerín

Dez colectivos preparan, de forma altruísta e con fins sociais, Maios e coplas en Verín

O Concello de Verín doará, integramente, a cantidade orzamentada para os devanditos festexos ao programa de atención ás necesidades básicas de persoas da comarca de Verín do C.D.R. Portas Abertas.

Foto: Concello de Verín.

 

Dez son os colectivos que traballaron na elaboración das tradicionais coplas dos Maios en Verín. Así o vén de confirmar a concelleira da área de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza. Ao igual co ano pasado, Verín celebrará esta senlleira festa mantendo a elaboración dos versos pero adaptados e optimizados para a súa lectura e difusión a través de internet e dispositivos móbiles.

Somoza quixo destacar o “extraordinario esforzo e a implicación” que continúan a demostrar todos os colectivos participantes “posibilitando, grazas ao seu gran traballo, que entre todos e todas manteñamos viva a esencia desta tradicional festa no actual contexto de limitacións provocado pola pandemia do Covid-19”.

Ademais a concelleira de Festexos agradece o “altruísmo e compromiso social das asociacións que, o igual que os colexios e institutos que elaboran as coplas, non recibirán este ano ningún tipo de contraprestación por participar”, permitindo así que o Concello poida doar íntegra a cantidade orzamentada para os Maios ao programa de atención ás necesidades básicas de persoas da comarca de Verín do C.D.R. Portas Abertas.

Os colectivos que están a elaborar coplas son os seguintes: IES Xesús Taboada Chivite, Colexio Plurilingüe María Inmaculada, o Colexio Apostólico Mercedario, o CEIP Princesa de España, o CEIP Amaro Refojo e o CRA Monterrei; así como a Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, o Conservatorio de Música de Verín, o Maio dos Patos e, como xa vén sendo habitual neste Certame en lembranza da persoa que recuperou a tradición dos Maios en Verín, da Asociación Verinense de Amigos da Música.

Ao non ser posible a venda das coplas e a recadación de fondos solidarios para as asociacións participantes, así como a elaboración dos Maios Florais, debido ás restricións derivadas do actual situación sanitaria provocada pola pandemia, o Concello de Verín mantén o formato creado a pasada edición, destinando a cantidade orzamentada para devanditos festexos a fins sociais.

Artigos relacionados

Back to top button