SociedadeÚltima hora

Diana Ortiz: “Aínda que sexa para estar na casa é bo marcar uns horarios e crear uns hábitos”

Esta procuradora e ex modelo barquense asegura que malia cumprir co confinamento, segue preparándose como antes do estado de alarma

Diana Ortiz Carracedo.

 

A expansión do Covi-19 cambiou xa a forma de vida das persoas en todo o mundo. Ninguén sabe como evolucionará a pandemia pero nos 27 días que pasaron dende a declaración do estado de alarma para intentar conter os contaxios, a poboación tivo que adaptarse a unha situación inédita, seguindo as normas dos diferentes gobernos e quedando na casa.

Dende o 14 de marzo, a cidadanía tivo que baixar o ritmo, a maioría deixar de lado o traballo e esperar. Cada persoa é un mundo e está vivindo esta situación como pode. Uns con humor, outros con desesperación e tamén con certo aburrimento, aínda que está claro que todos teñen ganas de que isto pase canto antes. “Eu estouno levando ben, a verdade, tampouco me podo queixar e o que fixen dende un principio foi marcar unhas pautas na casa”, asegura Diana Ortiz Carracedo, ex modelo e procuradora no Barco de Valdeorras. “Puxemos uns horarios e se ben é certo que non madrugamos tanto como o resto do ano, si temos unha hora para erguernos, para almorzar, ducharnos,… Nesta situación é bo crear uns hábitos, en función da actividade de cada un”, asegura.

 

Diana con roupa deportiva.

 

Malia levar anos afastada dos focos e das pasarelas (desfilou para Caramelo, Toypes e incluso estivo traballando en taller con Antonio Pernas, protagonizando ademais campañas para grandes marcas), Diana leva a moda no sangue, cun estilo propio que non perde tampouco na casa, asegurando que sufríu unha transición. “Empecei o confinamento poñéndome moi cómoda, de feito puxen máis roupa deportiva (mallas, sudadeiras,..) que en toda a miña vida, pero chegou un punto en que me cansei e vendo que esta situación ía durar moito tempo, decidín que non podía deixarme tanto. É a miña forma de ser e pensar, aínda que sexa para estar na casa si que trato de arreglarme, sobre todo cando vou comprar, igual que facía antes cando ía traballar”, explica, iso si “despois de facer as cousas de casa porque agora estou nunha versión maruja.com”, di mantendo o sentido do humor, malia a situación.

 

Diana Ortiz na casa.

 

O punto de inflexión para Diana  foi durante un directo por Instagram ao que a convidaron dende unha tenda de roupa do Barco. “A propietaria comentou que facía moitas videochamadas coas amigas, que quedaban para tomar un viño, virtual claro, cada unha na súa casa, e que se arreglaban coma se quedaran nunha cafetería e eu pensei que tiñan razón. Eu tamén falaba coas amigas pero as últimas dúas veces fora coma se estivera no ximnasio e realmente eu non son así. Se na miña vida diaria non vou así, isto tamén forma parte. De feito a miña vida agora é isto e non vou ser unha persoa distinta”, conclúe.

 

Artigos relacionados

Back to top button