EntrevistasÚltima hora

Diana Ortiz: “Quero que a Pasarela O Barco de Moda funcione porque quero que o comercio funcione e darlle vida ao meu pobo”

A ex modelo profesional barquense afronta un novo reto como coordinadora do desfile organizado polo Centro Comercial Aberto que se celebrará o 20 de setembro na praza do Concello

Diana Ortiz nun momento da entrevista na redacción do Periódico O Sil. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende hai anos Diana Ortiz ten a súa vila laboral orientada cara a avogacía, pero o mundo da moda, no que se introduxo sendo moi nova, sempre formará parte dela. Dende pequena xa sentía paixón polas modelos e polos desfiles que vía na televisión e sería precisamente estudando dereito en Madrid, onde entrou en contacto cunha axencia de modelos, que despois de presentarse a unhas probas e tras realizar un curso, comezou a enviala a pasarelas. Durante anos desfilou para Caramelo, Toypes e incluso estivo traballando en taller con Antonio Pernas, protagonizando ademais campañas para grandes marcas.

Anos despois, afastada dos focos e centrada na súa profesión e na súa familia, especialmente na súa filla, Diana non perde ocasión de colaborar e axudar en todo o vinculado co sector da moda, que o seu tempo lle permite. Por iso non dubidou en atender a chamada do Centro Comercial Aberto O  Barco e desta volta, cambiará de posición e en lugar de estar sobre a pasarela e diante dos focos, estará detrás, coordinando e dirixindo a II Pasarela O Barco de Moda que se celebrará o 20 de setembro na praza do Concello.

Ten influído moito Internet no mundo da moda e, máis concretamente no das modelos?

Dende a época na que eu traballaba cambiou todo moito. Antes había modelos que eran as que defendían unha prenda, agora tes a youtubers, instagramers, blogueiras,… e para as modelos creo que é todo máis complicado porque xa non soamente tes a competencia da que é coma ti. Vas a un casting e tes a un montón de nenas guapas, altas, delgadas, cunhas medidas determinadas e á marxe diso tes unhas instagramers que chaman moitísimo, con tropecentos seguidores e que ao mellor non son o que busca o deseñador pero teñen que meter a dous por desfile para que compartan nas redes sociais. Agora todo funciona por redes. Os deseñadores seguen facendo os seus desfiles e pases pero teñen que saír vía Internet e ás modelos agora non lles chega con amosar un book e un composite, que é o que podes deixar á axencia ou ao deseñador, senón que teñen que ter unhas redes que funcionen e subir información e conseguir unha serie de likes. Así pérdese un pouco a esencia pero tamén forma parte da globalización. Hai que adaptarse.

Sempre asegurache que o mundo dos castings e dos desfiles non é doado. Que lle dirías ás xoves que queiran probar sorte neste sector?

Non é doado e resulta moi cansado porque estás sometida a un eterno exame sobre ti mesma. Tes que ter unha cabeza moi ben amoblada porque vin a xente pasalo moi mal por esixirse demasiado. Primeiro recomendaríalles que teñan as ideas moi claras porque non é un camiño de rosas. Que se esforcen, porque hai que traballar moito e ir a moitos castings onde ao mellor estanlle dicindo que non seguido e de repente póñense de moda e quérenas en todas partes. E despois que sexan elas mesmas, que teñan personalidade e que sexan sinxelas. E sobre todo recomendaríalles que se formaran en todo o que poidan, porque non é só ser guapa e pousar ben, hai que saber estar. Despois é tamén cuestión de sorte.

Levas anos años desvinculada dos desfiles e agora embárcaste na coordinación da Pasarela de Moda do CCA O Barco. Como afrontas este reto detrás das cámaras?

Trátase dunha colaboración totalmente desinteresada porque eu quero que isto siga funcionando. A min pedíronme axuda porque dende o CCA non contan con presuposto para o desfile e a xente xa o demanda, estase convertendo nun hábito e as tendas tamén queren facelo. Enseguida dixen que si pero eu sempre estiven do outro lado. Aquí vou coordinar o antes e eu sempre estivera no momento, sobre a pasarela. A a min sempre me deron todo feito, xa sabía o que tiña que facer, tiñas as prendas que ía poñer,… Así que isto é un reto para min e o único que quero é axudar un pouco ao comercio e ao meu pobo. Isto é por e para o pobo así que dende aquí pido á xente que desculpe os defectos e carencias que poida haber. Intentarase facer o mellor posible pero sobre todo o que quero é que non se perda. É certo que me dá un pouco de respecto porque trátase do meu pobo, é maior a responsabilidade e gustaríame que saíse ben dende a miña inexperiencia neste lado da pasarela.

 

Diana Ortiz foi modelo de pasarela e fotografía e actualmente exerce como avogada no Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A grandes rasgos, que tedes pensado para o desfile do día 20?

Hai unha serie de tendas que están interesadas e se queren que algunha clienta saia no desfile teñen a posibilidade de elixir os seus modelos, e os que lle falten ata completar o cupo irá por casting. Despois trátase de controlar as saídas, os tempos, a música, buscar presentador, pedir licenza ao Concello,… Son moitas cousas. Que ninguén pense que isto é dicir venres ás oito desfile e comezan a saír rapazas con roupa dunha tenda que probou na tarde anterior. Non. Todo ten que ter unha dinámica e estamos pensando nunha temática porque a min persoalmente gústame que haxa unha unidade a seguir. E despois hai que ensaiar porque aquí tomos somos amateur. Hai unha tenda que xa dixo que o ía levar todo ela pero temos que mirar como encaixalo co total. Outra das propostas que foi ben acollida é ter colaboración de Morea e Asfaval, un proxecto de integración destacable que tamén supón máis traballo, porque para que unha persoa con necesidades especiais saia nun desfile hai que coordinalo todo moi ben. Uns estarán como azafatos, outros axudarán a Protección Civil en seguridade e outros participarán activamente sobre a pasarela.

Un dos primeiros pasos públicos a seguir é o casting para elixir ás modelos que se celebrará este xoves. Como presidenta do xurado, que aspectos se van a ter en conta, sendo xente afeccionada?

O meu criterio persoal será que vexa que van defender a roupa, e que teñan gracia e nun momento dado non se van cohibir. Vou mirar a desenvoltura á hora de facer a proba, pero non vai ser o máis alto, nin o máis guapo ou delgado. Buscamos xente desenvolta. Primeiro hai un infantil que non será tan complicado porque as tendas de roupa para nenos teñen unha única propietaria e vaise encargar ela, o único é ver a limitación e preparalos, porque imaxínate que pasa como o ano pasado e un que vai saír ponse a chorar e queda a cousa parada. Hai que preparalos, saír con eles e explicarlles ben o que teñen que facer porque se se traban na proba, probablemente o fagan no desfile diante da xente.

Ninguén mellor que unha persoa que xa o viviu para saber o que pode pasar.

Sempre hai que ter un plan B e o importante é que a pasarela nunca esté baleira durante o pase dunha tenda. Entre comercio e comercio está o presentador para cubrir o oco pero non podes deixar a pasarela sen nada, por iso é importante que a xente non tarde moito en cambiarse. Non quero que haxa saídas moi seguidas porque os cambios son moi importantes e hai que dar fluidez. Ademais sempre está o problema das cadeiras reservadas… Este ano será entre os dous Concellos do Barco e hai que mirar moitas cousas.

Canto tempo levades traballando no desfile?

Contactaron comigo a comezos de abril e xa tivemos varias reunións, pero o traballo duro comeza esta semana coas reunións continuadas coa xente das tendas. Eu terei que compaxinar o meu traballo e familia coa organización adaptándome ao horario comercial. É dicir, será a partir das oito ou oito e media cando me reúna con eles. Hai que ver o que queren sacar, os modelos que necesitamos e cos que contamos, e ir encaixándoo todo. En setembro as xornadas serán moi longas…

Esta pasarela xa se fixo durante anos con modelos semiprofesionais. Que opinas de que se retomara con xente de casa?

A min o que me parece ben é que exista a demanda, que a xente queira que isto se siga levando a cabo e o vexa como algo “necesario”. Entendo que quizais nun momento dado para un concello como O Barco, querer facelo máis grande, non é viable. ¿Que outras veces resultara máis chamativo? Imos esperar a ver que podemos facer nós. O mellor de toda esta iniciativa é que existe a demanda e creo que a pasarela aos comercios failles vender, así que para os comerciantes ben e para o pobo tamén, porque é outra actividade e ademais, sendo xente daquí, aínda que só sexa por curiosidade vas a ir. Aquí vivimos todos e todos temos que saír adiante no noso e se temos un Centro Comercial Aberto é para que merquemos nel, para darlle vida ás tendas de barrio porque imos todos neste mesmo tren. Temos que axudarnos uns aos outros, de aí a miña colaboración desinteresada, porque para que isto funcione e vaia para adiante, temos que axudar todos e mercar aquí porque despois non valen lamentos cando as tendas pechen. Quero que a Pasarela O Barco de Moda funcione porque quero que o comercio funcione e darlle vida ao meu pobo. Ademais, o feito de que queiran contar comigo satisfaime, e máis despois de tanto tempo e estando xa a outras cousas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close