En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Días de malla en Petín

Un grupo de veciños unen esforzos para recuperar os traballos agrícolas

Coa tendencia a saír dos pobos, cada vez resulta máis difícil ver labores agrícolas das que antigamente vivían os veciños como poden ser a sega ou a malla. Con todo aínda hai persoas que aprezan os produtos naturais e non dubidan en xuntarse con outras da súa mesma filosofía para levar a cabo o traballo.

Iso é precisamente o que fan un grupo de veciños de Petín, Santa Eulalia e Mones, no concello de Petín, que dende hai uns anos reúnense para facer a malla. Nesta ocasión o traballo desenvolveuse en tres tardes do mes de xullo, nun terreo preto das Penelas, onde cada un desempeñou unha función. Mentres uns metían o trigo na malladora, outros recollían a palla por un lado e o gran por outro, e os demais encargábasnse da empacadora, deixando as pacas feitas por un lado e os sacos de gran por outro.

Trátase dun traballo en cadea e ao final sacan varios sacos de trigo que máis tarde se repartirán para facer o pan caseiro e o resto para o gando. “Este ano tiñamos moito terreo sementado pero o xabarín estropeounos boa parte co cal recollimos menos do previsto”, explica Francisco, un dos veciños de Mones que participa na actividade que completaban cunha boa cea a base de cabrito asado.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button