En portadaÚltima hora

Diego Prieto, de Castro Caldelas, entre os 4 gaiteiros galegos seleccionados para competir no Festival de Lorient

É o único ourensán da selección galega para o 33º Trofeo MacCrimmon de gaita solista, que se celebrará en agosto no marco deste certame intercéltico
Diego Prieto, tocando durante o concurso.

Era a segunda vez que o intentaba e vén de conseguilo. Diego Prieto, natural de Castro Caldelas, será un dos catro gaiteiros que representarán a Galicia no 33º Trofeo MacCrimmon de gaita solista, que se celebrará en agosto no Festival Intercéltico de Lorient (Francia).

“É un soño que tiña dende neno e que agora se fai realidade”, explica este músico, que será ademais o único ourensán dentro da representación galega, da que tamén forman parte outros tres gaiteiros coruñeses: Xesús Rodríguez, Raquel Vilas e Manuel Seoane.

A selección destes gaiteiros tiña lugar nunha fase previa do concurso que se celebraba o domingo 15 de abril. Os participantes tiñan que enfrontarse a diversas probas musicais: tocar durante 5 minutos seguidos música galega de autor ou tradicional, unha suite do repertorio de música tradicional bretona e unha peza asturiana con gaita asturiana. O xurado estaba formado por Bruno Villamor, Brais Maceiras e César Martínez.

“Ter quedado entre os catro primeiros é unha honra porque significa representar a Galicia en Lorient, o que tamén supón unha gran responsabilidade”, indica Diego Prieto, quen agradece o apoio que recibiu para poder chegar ata aquí de Daniel Bellón, Alberto Coya, Rafa Carracedo e do Obradoiro Seivane “e, por suposto, da miña familia por aturarme”.

Fotos: Delegación Galega do Festival Intercéltico de Lorient.

Artigos relacionados

Back to top button