En portada

Diferente e enfocada á calidade

A elaboración de cervexa artesá avanza en Galicia, sendo Ourense e Pontevedra as zonas máis activas
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Non teñen nada que ver coas cervexas industriais. A diferenza está na materia prima e na elaboración. Tamén no sabor. “Unha cervexa artesá non se parece en nada a unha industrial. Ten ata dous meses de maduración e dúas fermentacións, unha nun fermentador e outra en botella. Son cervexas que están vivas e sen pasteurizar, cen por cen naturais, sen ningún tipo de aditivos. E hai moitísima variedade”, destaca o ourensán Esteban Loureiro, presidente da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns.

A elaboración de cervexa artesá é algo moi recente en Galicia, pero dun ano a esta parte o interese por esta actividade está a xerar diversas iniciativas empresariais, especialmente nas provincias de Ourense e Pontevedra, e comeza a chamar a atención do público. Son pequenos elaboradores que apostan por unha cervexa de calidade e de produción limitada. A asociación nacía hai medio ano para “intentar crear cultura deste tipo de cervexa. Somos un gremio moi pequeniño, unha ducia en toda Galicia”, continúa o seu presidente. Xuntos saían á rúa para darse a coñecer ao público no marco da Iª Feira da Cervexa Artesá de Ourense, que se desenvolvía do 20 ao 22 de setembro na Praza de Pontevedra (Alameda) da cidade. Dos 23 expositores da mostra, cinco eran de elaboradores da provincia: Áncora, Keltius e Deep Taste de Ourense, Dama Alaricana de Allariz e Galeguesa de Celanova.

Tamén participaban cerxeiros doutras zonas galegas como Menduíña (Cangas), do resto de España e mesmo do estranxeiro con cervexas de Escocia, Inglaterra, Bélxica ou Holanda. “É a primeira deste tipo que se fai non só en Ourense, senón en Galicia. Non sabiamos como ía responder a xente, porque é algo novidoso, pero estamos moi contentos co resultado. Ademais tentamos darlle un carácter cultural e organizamos diversas actividades como cursos gratuítos de elaboración de cervexa, que tamén tiveron moita participación, e unha charla a cargo do fundador da cervexa artesá La Cibeles de Madrid, David Castro. Con iso pretendíamos que a xente soubese qué é unha cervexa artesá, que coñecese que está feita en Galicia e con produtos naturais, que está viva”, explica Esteban Loureiro, que ademais de presidir a asociación galega de cervexeiros é un dos responsables de Cervexa Áncora.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button